Estudan como as peregrinacións militares a Santiago se usaron como ferramenta de proxección exterior do Exército español
A figura de Santiago como patrón de España e das unidades de Cabalería foi instrumentalizada polos mandos militares para reforzar a identidade católica dos reclutas, especialmente a partir da popularización dos anos santos composteláns desde mediados do século XX. Este é o punto de partida do traballo ‘Marchando a Santiago: as peregrinacións militares a Compostela no século XX. Relixión, identidade nacional e proxección exterior nos exércitos españois’ que realizou o profesor da Universidade de Vigo Luis Velasco financiado polas axudas da Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC que conta co apoio da Xunta, froito dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia e a Catedral de Santiago.
O proxecto estuda as peregrinacións militares a Santiago de Compostela durante o século XX, cun enfoque especial no período franquista e a súa continuidade durante a transición democrática, así como intentando identificar antecedentes deste tipo de peregrinacións durante a etapa republicana, primorriverista e a monarquía constitucional de Alfonso XIII. A investigación busca identificar, clasificar e interpretar estas peregrinacións desde o punto de vista histórico, simbólico e político, poñendo o foco no seu uso como ferramenta cohesionadora e de proxección exterior do Exército español.
Velasco Martínez presta atención aos antecedentes do fenómeno, ao papel do Apostolado Militar Castrense e á dimensión internacional dalgunhas destas peregrinacións, “buscando localizar as orixes da popularización fóra de España da idea da peregrinación a Compostela como unha forma de construír unha identidade europea compartida”.
A partir de fontes bibliográficas, documentais e orais, o proxecto contribúe ao coñecemento dun aspecto pouco explorado da historia das peregrinacións compostelás, poñendo de releve a súa dimensión institucional e militar, así como a súa transcendencia internacional durante o século XX.
Luis Velasco
Profesor permanente laboral da área de Historia Contemporánea da Facultade viguesa de Relacións Internacionais, foi investigador visitante nas Universidades de Bos Aires, Columbia, Complutense de Madrid, Alcalá de Henares e Rey Juan Carlos, no CSIC, no Barnard College, no Center for War Studies, no University College Dublin e no Colexio de México. Así mesmo foi profesor nas universidades de Málaga e Pablo de Olavide de Sevilla.
Velasco Martínez foi tamén investigador no Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC, onde ademais dirixiu o Colexio Maior Rodríguez Cadarso. Actualmente compaxina a docencia na Universidade de Vigo co seu cargo de coordinador do Mestrado en Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais da USC e o IEEE. A súa investigación céntrase no proceso de construción do nacionalismo español ao longo do século XX e na historia dos conflitos.