Ir o contido principal
STG

Estudan na USC o impacto da IA na transformación dixital de arquivos e patrimonio documental

Participantes na xornada, no Arquivo Histórico. Foto: Santi Alvite
Participantes na xornada, no Arquivo Histórico. Foto: Santi Alvite
Nunha xornada no Arquivo Histórico organizada pola Cátedra de Patrimonio Cultural Dixital

O Arquivo Histórico da USC foi este luns a sede dunha xornada organizada pola Cátedra de Patrimonio Cultural Dixital (CSIC-CRUSOE) que dirixe Juan Castro e que levou por título ‘O Patrimonio Cultural e os procesos de transformación dixital: o impacto da Intelixencia Artificial (IA)’. A actividade encádrase no marco do Programa Stellae 5.0 impulsado pola Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE). 

Presidida pola secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, a xornada contou coa participación da asesora xurídica do Ministerio Transición Dixital e Función Pública Mar Pérez Morillo, da subdirectora xeral de Arquivos Estatais do Ministerio de Cultura, Ana Mª López;  do profesor da Universidade de Vigo Javier Martínez; e de Pablo Manzano, de NTT Data. Ademais, no encontro participaron representantes de distintos sectores relacionados co patrimonio cultural dixital, como o financeiro, turístico, TIC, audiovisual, académico e de xestión do patrimonio documental. 

A transición dixital é actualmente un dos eixes clave do cambio e innovación tanto na economía como no conxunto da sociedade, e o patrimonio documental non é alleo a isto nin á Intelixencia Artificial, a tecnoloxía de vangarda chamada a ser unha das de maior impacto. A automatización de procedementos, a capacidade de extraer información dos documentos mellorando a súa descrición e vinculación con novas referencias abren un novo campo cheo de retos, oportunidades pero tamén riscos, que foron analizados e valorados na xornada desde diferentes ángulos e intereses. 

Na xornada quedou de manifesto que na IA a realidade vai máis rápida que a lexislación, aínda que xa se están dando avances co Regulamento europeo de IA ou o Plan Nacional sobre IA que está desenvolvendo o Ministerio de Transformación Dixital e para a Función Pública.  

Concretamente no ámbito dos arquivos, as persoas expertas concluiron que a IA é un desafío que achega beneficios, dada a especificidade de coñecemento e as competencias exixidas (método de indexación probabilística ou automatización de procesos arquivísticos, por exemplo), pero presenta tamén unha ameaza en canto a protección de datos, propiedade intelectual e mesmo para a profesión pola reconversión que obriga a facer. 

Outra cuestión que para os relatores supón un novo reto é a confiabilidade da IA como recurso, para que manteña a autenticidade e fiabilidade dos documentos, así como a súa seguridade. 

 

De esquerda a dereita, Ana María López, Dulce García e Mar Pérez. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Ana María López, Dulce García e Mar Pérez. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2024.