Ir o contido principal
STG

O estudantado preuniversitario coñecerá a oferta docente e de servizos nunha nova edición dos Encontros na Zona USC

Na anterior edición dos Encontros na Zona USC participaron 6.242 estudantes de 119 centros. FOTO: Santi Alvite
Na anterior edición dos Encontros na Zona USC participaron 6.242 estudantes de 119 centros. FOTO: Santi Alvite
Esta iniciativa impulsada polo programa A Ponte desenvolverase os días 3, 4, 5 e 6 de febreiro en Compostela e nas xornadas do 24 e 25 do mesmo mes no Campus de Lugo
Lugo, Santiago de Compostela

O Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC lanza unha nova edición dos Encontros na Zona USC nos que o estudantado preuniversitario poderá coñecer de primeira man a oferta docente e de servizos da Universidade de Santiago de Compostela. Esta iniciativa desenvolverase os días 3, 4, 5 e 6 de febreiro en Compostela e nas xornadas do 24 e 25 do mesmo mes no Campus de Lugo. 

Cada estudante pode elixir un único percorrido de entre os ofertados en ambos os campus. “Cada estudante pode escoller o percorrido que máis lle interese, sen ter que ir toda a clase xunta”, destacan dende o programa A Ponte. Nos formularios de inscrición para Lugo e Santiago que se abrirán o día 16 de xaneiro, cada centro de Ensino Medio debe indicar os datos do centro e dunha persoa acompañante así como o día da visita e o número de estudantes de cada percorrido. Nalgún caso existe a posibilidade de elixir un percorrido cun único centro (Facultade ou Escola) ou elixir un percorrido dese centro en combinación con outro.

En total, no Campus de Lugo ofértanse sete itinerarios e a vista á Residencia Universitaria Jesús Bal y Gay; mentres que no caso compostelán ofrécense 17 percorridos e a visita ás residencias universitarias Monte da Condesa e Burgo das Nacións. Dende o programa A Ponte salientan que “nesta actividade ofrécese aos estudantes de Ensino Medio unha oportunidade de contacto coa Universidade, visitando os centros dos Campus de Lugo e Santiago para recibir información directa dos estudos que organizan”. Na anterior edición participaron 6.242 estudantes de 119 centros (5.380 estudantes de 103 centros no Campus de Santiago e 862 estudantes de 16 centros no Campus de Lugo). 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.01.2026.