Ir o contido principal
STG

Estudantado de Psicoloxía, Medicina, Odontoloxía e Enfermaría recibirá formación específica sobre a dor e a súa cronificación

O obxectivo do curso é dotar os futuros profesionais de ciencias da saúde de ferramentas para realizar un manexo da dor crónica máis efectivo e baseado na evidencia, a partir do coñecemento sobre a neurofisioloxía da dor. FOTO: Santi Alvite
O obxectivo do curso é dotar os futuros profesionais de ciencias da saúde de ferramentas para realizar un manexo da dor crónica máis efectivo e baseado na evidencia, a partir do coñecemento sobre a neurofisioloxía da dor. FOTO: Santi Alvite
O prazo de inscrición nesta acción formativa remata o 13 de xaneiro
Santiago de Compostela

O grupo Benestar–laboratorio BAP (Brain and Pain) do Instituto de Psicoloxía da USC (IPsiUS) formará estudantado de Psicoloxía, Medicina, Odontoloxía e Enfermaría para proporcionarlles os fundamentos teóricos sobre a dor e a súa cronificación, alén de impartir sesións prácticas para coñecer técnicas específicas para avaliar a dor e procedementos de neuromodulación. “A formación en dor é unha lagoa nos ensinos de grao”, sinalan, motivo polo cal este curso ten como obxectivo formar aos futuros profesionais da saúde. 

“Cun forte enfoque no modelo biopsicosocial, presentarase a evidencia dispoñible sobre as distintas abordaxes á dor crónica e incidirase na importancia da formación en ciencia da dor para os pacientes”, engaden. O prazo de inscrición deste curso remata o 13 de xaneiro a través da secretaría virtual da USC (Actividades/Oferta/Actividades de recoñecemento ECTS nos graos). 

O obxectivo do curso é dotar os futuros profesionais de ciencias da saúde de ferramentas para realizar un manexo da dor crónica máis efectivo e baseado na evidencia, a partir do coñecemento sobre a neurofisioloxía da dor. O curso combina sesións expositivas con sesións prácticas dedicadas a realizar exercicios para os cursos de educación en dor e manexo de equipos de neuroestimulación cerebral. A actividade desenvólvese no marco do proxecto Painless Horizonte Europa e é convalidable cun crédito de libre configuración.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.01.2026.