Estudantes de Erasmus en Filoloxía dan testemuña da importancia de coñecer o galego
Fronte á idea do galego como un obstáculo para a integración doutras nacionalidades, un grupo do alumnado estranxeiro acollido ao programa Erasmus da Facultade de Filoloxía participan este martes 9 na actividade ‘A Facultade de Filoloxía acolle’, impulsada pola Comisión de Normalización Lingüística do centro. Ás 12.00 horas no Salón de Actos do centro, Ilaria Stefani e Eleanora Giunchi (Italia), Tanguy Marchand (Bretaña), Eva Kalhousová (República Checa), Cristina Costa (galega instalada en Noruega desde a súa infancia), Margarete da Silva (Brasil) e Trevor Allen (Estados Unidos) presentarán as súas testemuñas de compromiso co galego e con todas as linguas en situación de ameaza, salientando o enriquecemento persoal que supón descubrir unha nova lingua.