Ir o contido principal
STG

Tres estudantes do IES do Camiño de Palas de Rei gañan o concurso ‘Explícoche Matemáticas 2.0’, convocado pola USC

Os tres estudantes do IES do Camiño, á dereita da imaxe, por diante do seu titor, cos membros do xurado e outros premiados no certame convocado pola Facultade de Matemáticas da USC
Os tres estudantes do IES do Camiño, á dereita da imaxe, por diante do seu titor, cos membros do xurado e outros premiados no certame convocado pola Facultade de Matemáticas da USC
O xurado premiou o traballo de Andrea Ayaso, Xeila Vázquez e Iván Arias pola súa eficacia para explicar as diferenzas entre progresión aritmética e progresión xeométrica

Os estudantes de cuarto curso de ESO no IES do Camiño de Palas de Rei Andrea Ayaso Agrafojo, Xeila Vázquez Sánchez e Iván Arias Arias resultaron gañadores, na modalidade de ESO e Bacharelato, do primeiro premio do concurso ‘Explícoche Matemáticas 2.0’, convocado pola Facultade de Matemáticas da USC, polo traballo ‘O xadrez, as progresións e a rapaciña de Friol’, desenvolvido baixo a titoría do profesor Manuel Vilariño.

O xurado encargado de fallar os premios da terceira edición do concurso ‘Explícoche Matemáticas 2.0’, unha actividade promovida pola Facultade de Matemáticas co dobre obxectivo de contribuír á divulgación e promoción das Matemáticas na sociedade e de fomentar o uso do galego como medio de transmisión das mesmas, sinala que a proposta presentada por estes estudantes do IES do Camiño de Palas de Rei destaca pola súa eficacia para explicar ao gran público a diferenza entre os conceptos de progresión aritmética e progresión xeométrica, ademais de pola súa calidade lingüística. Este equipo grupo de estudantes do IES do Camiño acadou o primeiro premio desta edición do certame, cuxos participantes tiveron que realizar curtametraxes de dous minutos de duración nas que se explicara en galego un concepto matemático de xeito que se mostrara a capacidade creativa do alumnado, logo de ser a proposta máis valorada polo xurado das seis seleccionadas como finalistas e entre as que había curtametraxes presentadas por estudantes dos IES de Ames, IES de Cambados, IES de Mugardos e do IES Politécnico de Vigo. O fallo do xurado encargado de fallar este concurso, cuxos vídeos premiados ou preseleccionados como finalistas están accesibles para todo o mundo na canle de YouTube da Facultade de Matemáticas, non coincide coa valoración feita polos internautas, que se decantaron pola curtametraxe ‘Punto de inflexión’, realizada por Aldara Gómez Sánchez, María Prado Fernández e Eva Vázquez Mato, alumnas de 2º de Bacharelato do IES de Arzúa, baixo a titoría do profesor Miguel Ángel Rodríguez-Gigirey. Unha vez fallados os premios da terceira edición do concurso ‘Explícoche Matemáticas 2.0’, a decana da Facultade de Matemáticas da USC, María Victoria Otero, presidiu a entrega de galardóns aos gañadores no marco dun acto no que tamén participaron o coordinador da comisión de normalización lingüística no devandito centro universitario, Xosé Masa, e os profesores Celso Rodríguez e Rosa M. Crujeiras, presidente e secretaria do xurado, respectivamente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.06.2014.