Ir o contido principal
STG

Estudantes noruegueses reciben formación en Galicia grazas a un programa da USC

Foto de familia do acto desenvolvido en Ciencias Políticas e Sociais
Foto de familia do acto desenvolvido en Ciencias Políticas e Sociais
A iniciativa desenvolvida conxuntamente coa Xunta de Galicia consiste nun intercambio lingüístico no que tamén participan estudantes dos institutos santiagueses Antonio Fraguas, Rosalía de Castro, Xelmírez I, Xelmírez II e do IES de Ames
Santiago de Compostela

Unha vintena de alumnos noruegueses está a coñecer o sistema educativo galego no marco do programa de intercambio lingüístico con Noruega promovido pola USC e a Xunta de Galicia. Nesta iniciativa participan outros 21 estudantes dos institutos santiagueses Antonio Fraguas, Rosalía de Castro, Xelmírez I, Xelmírez II e do IES de Ames, que realizaron a súa estadía en Noruega entre os meses de outubro e novembro de 2022.

A USC encárgase de establecer os contactos coa embaixada española en Noruega e coas autoridades educativas deste país. Ademais, imparte clases de español aos estudantes noruegueses durante a súa primeira semana da estadía en Galicia, permitindo que despois se incorporen ás aulas dos institutos. “Para nós resulta fundamental establecer vínculos co alumnado preuniversitario doutros países xa que ese é o primeiro chanzo para que despois opten por regresar á USC á hora de decantarse por unha titulación universitaria”, explicou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso. “Esta iniciativa entronca coa estratexia de internacionalización da USC que busca levar a oferta docente máis alá das nosas fronteiras”, engade.

Durante a súa estadía, ata o 17 de febreiro, o alumnado noruegués asistirá a clases nestes centros educativos, ademais de vivir coas familias do alumnado galego que realizou o intercambio. A xornada de recibimento desenvolveuse na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC, con diferentes actividades de confraternidade entre os estudantes. A sesión contou coa participación da vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso, e da directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández. No acto tamén estiveron presentes o decano da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, Ramón Bouzas, e a directora-xerenta de Cursos Internacionais USC, Pilar Taboada de Zúñiga.

A Xunta outorga financiamento á actividade a través da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, para favorecer a adquisición de competencias en linguas estranxeiras entre os estudantes. Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades cubre a viaxe do alumnado e profesorado acompañante.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.02.2023.