Ir o contido principal
STG

Estudantes e profesionais de Enfermaría debaten no Hula sobre o rol do paciente, doenzas crónicas e novas fórmulas asistenciais

Asistentes ás XIX Xornadas de Enfermaría
Asistentes ás XIX Xornadas de Enfermaría
Un relatorio sobre a música como instrumento de coidado, a cargo de Crispín Gigante abriu as xornadas ‘Novos tempos, novas demandas, que reúnen máis de 350 asistentes

A análise da actual realidade organizativa do sistema sanitario, as demandas e a relación cos pacientes, a crecente presenza de enfermidades crónicas e as novas fórmulas de prestación asistencial capitalizan o abano temático da XIX Xornada de Enfermaría ‘Novos tempos, novas demandas’. Este foro monográfico sobre a Enfermería promovido pola escola universitaria de Lugo en colaboración co Colexio de Enfermaría e a Xerencia de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte, que se desenvolve no Hospital Universitario Lucus Augusti, congrega a máis de 350 estudantes, docentes e profesionais do eido da enfermaría.

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, inaugurou este mércores as xornadas, cuxo programa cualificou de “atractivo e interesante”, no marco dun acto no que tamén participaron o director xerente do Hula, Antonio García Quintáns; a presidenta do Colexio de Enfermaría, Lourdes Bermello, a directora de Procesos de Enfermaría da Área de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte, María Jesús Pérez Taboada, e a directora da escola universitaria de Enfermaría do campus lugués, María Asunción Núñez Magdalena. Núñez Magdalena subliñou na súa intervención que a mellora da prestación de servizos e da capacidade de dar respostas ás necesidades do paciente, en particular, en da cidadanía, en xeral, constitúen a pretensión última desta xornada de reflexión e debate sobre a enfermaría. A directora da Escola Universitaria de Enfermaría do campus lugués destacou asemade que a evolución demográfica e o progresivo envellecemento da poboación propician que as enfermidades crónicas ocupen a maior parte das consultas e deparen a maioría dos ingresos hospitalarios na actualidade, unha nova realidade á que debe dar resposta a enfermaría, dixo. O director xerente do Hula, Antonio García Quintáns, tamén destacou o elevado número de participantes como mostra do éxito dunha xornada que sirve para o intercambio de experiencias e coñecementos entre profesionais e estudantes, ao tempo que propicia un debate sobre cuestións de actualidade. O profesor do Departamento de Enfermería e Fisioterapia da Universidade de Alcalá Crispín Gigante Pérez abriu a quenda de intervencións cun relatorio que se desenvolveu baixo o título ‘A música como instrumento do coidado’. Na súa intervención, este relator achegaou aos asistentes á linguaxe da música no coidado e explicou a súas influencias nos aspectos fisiolóxicos, espirituais, psicolóxicos, emocionais, sentimentais e incluso na propia conduta dos pacientes. A identificación e os coidados axeitados para pacientes con enfermidades crónicas, a eficiencia da Enfermaría desde todos os niveis asistenciais, foron outras das cuestións abordadas no marco desta xornada. Asemade, nalgúns dos relatorios e táboas redondas programadas tamén se presta especial atención á importancia da mellora da comunicación entre profesional e paciente ou ás posibles vantaxes que deparan as diversas fórmulas de teleasistencia e actuacións en domicilio baixo supervisión. As competencias que ten a enfermería escolar para o desenvolvemento de intervencións educativas e asistenciais de calidade no propio centro educativo e tamén como axente de innovación e de dinamización pedagóxica en saúde escolar centrou a última parte desta xornada, que serviu de escenario para a presentación de diversas comunicacións e pósters. Pérez, Herradón, Quintáns, Núñez e Bermello, na apertura das xornadas

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2014.