Ir o contido principal
STG

Estudantes de Psicoloxía axudan á integración de nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento grazas a programas de prácticas con casos reais

Baixo a supervisión da Unidade de Atención Temperá, observan como se intervén en casos de menores con autismo ou con carencias afectivas

Preto dun centenar de estudantes da Facultade de Psicoloxía axudou con éxito ao longo de todo este curso académico á integración de nenos e nenas que presentan algún tipo de trastorno no seu desenvolvemento ou teñen o risco de padecelo, grazas aos programas de prácticas levados a cabo con casos reais na Unidade de Atención Temperá.
Durante estes meses os universitarios matriculados no Practicum e nas materias da profesora María José Buceta Avaliación do Desenvolvemento e da Aprendizaxe e Intervención do Desenvolvemento Psicolóxico en Atención Temperá aprenderon a traballar con nenos menores de seis anos con diferentes patoloxías, desde menores con trastornos do espectro autista, con disfuncións cerebrais ou incluso con algún tipo de carencias afectivas.
Sempre con casos reaisNo Practicum os estudantes aprenden, de maneira práctica e tan activa como o neno o permite, as técnicas de atención temperá máis adecuadas en cada caso. Por outra banda, tamén realizan sesións prácticas ao longo do curso nas que coñecen para que serven e como se aplican as diferentes probas de avaliación e o rendemento dos nenos atendidos na Unidade de Atención Temperá a partir dos métodos de intervención aplicados.
En todos estes casos e, na medida que o profesional o considere oportuno, os estudantes de Psicoloxía teñen a oportunidade de observar eles mesmos a intervención real co menor, sempre baixo a supervisión dos profesionais da Unidade.
Máis de 2.000 alumnos en dez anosEstes programas de prácticas xurdiron hai máis de dez anos, grazas á colaboración conxunta da Universidade e a Asociación Galega para a Docencia e Investigación no Retraso Mental (A.Ga.D.I.R) que, conscientes da importancia que ten a atención temperá en menores con trastornos no desenvolvemento –que afectan a máis dun 7% da poboación infantil-, decidiron colaborar para a docencia práctica nesta materia.
A partir deste acordo, máis de 2.000 alumnos puideron levar á práctica con éxito nestes dez anos os coñecementos adquiridos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.03.2009.