Un estudo de ADE e a EPSE identifica e analiza no noroeste peninsular catorce lagares de cera de prensa de viga
O aproveitamento da cera de abella foi unha actividade historicamente relevante nas áreas rurais. Debido a isto, consérvanse na actualidade diversos restos patrimoniais vinculados co prensado deste produto das abellas entre os que destacan os lagares de cera de prensa de viga. O artigo titulado ‘Patrimonio industrial apícola cerero en el noroeste peninsular: los lagares de cera de prensa de viga’ identifica un total de catorce lagares de cera de prensa de viga que están localizados en áreas rurais de municipios do noroeste do Estado e da Região Norte de Portugal xunto con exemplos de eiras da cera. No estudo constátase como este é un patrimonio singular do que apenas existen exemplos conservados noutras partes de Europa.
O traballo publicado en ERPH_revista electrónica de patrimonio histórico asínano o profesor da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, Damián Copena, a investigadora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Mariam Ferreira Golpe, e polo investigador independente Diego Copena Rodríguez. O estudo do Campus Terra da USC profunda en como a apicultura, que foi declarada en 2025 polo Consello de Ministros manifestación representativa do patrimonio cultural inmaterial, ten como elementos singulares os lagares de cera para o prensado do produto das abellas, existindo tamén infraestruturas de branqueo da cera de abella.
O traballo de campo realizado amosa varias boas prácticas na conservación e posta en valor deste patrimonio como o caso do centro de interpretación desenvolvido pola comunidade de montes de Paraños (O Covelo) ou o impulsado na freguesía de Felgueiras (Torre de Moncorvo, Portugal). Pola contra, tamén se mostra como unha parte significativa dos lagares identificados conta cun estado deficiente de conservación. Nesta cuestión o texto conclúe que resulta necesario realizar por parte dos axentes implicados, isto é, administracións públicas, universidades, centros de investigación, ou entidades apícolas, entre outros, “un esforzo para tratar de identificar posibles novos lagares de cera de prensa de viga e restaurar, conservar e protexer os que xa están identificados”, sinalan dende o equipo investigador do Campus de Lugo.
Metodoloxía
A consulta das fontes documentais xunto aos testemuños orais recolleitos permitiu seguir pistas de lagares de cera de prensa de viga, propiciando a localización dalgúns exemplos de prensas de cera de abella en diferente estado de conservación. Para a súa análise realizouse un pioneiro traballo de campo sobre o patrimonio apícola cereiro no territorio estudado. “No proceso investigador, tratouse de realizar unha visita a cada elemento identificado, algo que foi posible na maior parte das ocasións. Nestas visitas fíxose unha caracterización do elemento patrimonial tomando as principais medidas dos elementos que o conforman, realizando fotografías e vídeos e recompilando toda a información dispoñible sobre o mesmo”, explican. Todo o traballo realizado permitiu a creación dunha base de datos orixinal e única que conta con diversa información sobre os elementos do patrimonio do prensado e branqueo de cera de abella que se lograron identificar.
A información recompilada permitiu realizar unha tipoloxía con dúas clases principais para este tipo de instalacións. En primeiro lugar, atópanse os lagares de cera de gran tamaño que se localizan nunha edificación propia e específica para o desenvolvemento desta actividade e que posúen unha viga dunha elevada lonxitude que nos casos coñecidos é de carballo, freixo ou olmo. Algúns exemplos dentro desta categoría serían os lagares de Paraños, Robledo, Torre de Moncorvo, Forcarei ou Lamosa. Así, os máis grandes identificados na área de estudo contan con vigas duns oito metros como ocorre nos lagares de Sagallos ou de entre seis e sete no caso dos do Covelo. Estes grandes lagares teñen unha edificación propia que pode ser de ao redor de 50 m², como ocorre, por exemplo, cun dos lagares de Sagallos, que ten 12 metros de longo por 4 de ancho.
A outra modalidade de lagares de cera que se identifica nos exemplos localizados vincúlase con instalacións de menor tamaño que non adoitan contar cunha edificación propia. Nesta clase de lagares poden existir algúns elementos móbiles, o que permite unha menor ocupación e unha adaptación ao espazo dispoñible en función das necesidades de uso. Como exemplos, cómpre sinalar lagares como o de Sober, o do Incio ou o de Penafiel en Portugal. Estas lonxitudes de vigas son bastante menores. Por exemplo, o lagar de Noceda ten 5,8 metros, o de Felgueiras 4,5 e o de Sober 3,22.
Coñecemento tradicional
O estudo evidencia a existencia dun rico patrimonio inmaterial vinculado con esta actividade económica. “Certamente, ao redor do patrimonio apícola de prensado de cera atópase asociado un importante coñecemento tradicional vinculado co manexo das infraestruturas ligadas ao oficio do prensado e de branqueo da cera de abella”, conclúen dende o equipo investigador.