Un estudo con participación da USC revela que o ferro presente nos solos axuda a fixar CO2 nos mangleirais
Os bosque coñecidos como mangleirais, ecosistemas costeiros de arbustos ou árbores que medran en auga salgada ou auga salobre en zonas tropicais e subtropicais, están entre os sumidoiros de CO2 atmosférico máis eficientes do mundo, e para logralo un dos elementos cruciais é o ferro que se encontra nos solos, segundo se pon de relevo nun artigo publicado na revista Nature Communications do que é coautor o catedrático da Facultade de Bioloxía da USC e investigador principal do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) Xosé Lois Otero.
A maior parte do carbono que fixan os mangleirais reside fundamentalmente no solo, de xeito que a reserva de carbono edáfico pode representar un 80% do total do carbono destes bosques. Os mecanismos específicos que impulsan este elevado almacenamento de carbono non son aínda ben coñecidos, pero os datos do artigo ‘Iron’s role in soil organic carbon (de)stabilization in mangroves under land use change’ achegan nova información sobre iso.
Estes datos, explica Xosé Lois Otero, demostran “que o carbono asociado aos minerais de ferro, especialmente aqueles que se atopan no chan en forma de óxidos e hidróxidos de ferro pouco cristalino, representa o 10% do carbono orgánico total do chan nos mangleirais amazónicos, e os óxidos de ferro non só inmobilizan unha fracción significativa da materia orgánica do solo, senón que tamén protexen as formas máis lábiles ou inestables da materia orgánica do chan, evitando que sexan consumidas polos microorganismos e o carbono sexa devolto de novo á atmosfera”.
O traballo tamén mostra que “os cambios no uso do solo, como a transformación dos mangleirais en zonas agrícolas ou balsas para a produción de camarón -amplamente estendidas na rexión tropical e en todo o mundo- alteran substancialmente estas asociacións”, indica o catedrático. Segundo os datos recollidos para elaborar o estudo, “estas actividades provocan a perda de ferro e do carbono asociado a el, así como a transformación do ferro en fases menos eficientes para a inmobilización do carbono, reducindo así a capacidade destes ecosistemas para almacenar carbono”.
O cambio de uso da terra para habilitar novas zonas urbanas, agrícolas ou dedicadas á acuicultura, segundo se indica no traballo, foi responsable da perda de máis de 180.000 hectáreas destes bosques nas dúas últimas décadas, e isto supuxo que volveran á atmosfera 158 millóns de toneladas de carbono acumulado nos solos destes bosques, contribuíndo deste xeito ao quecemento global.