Un estudo salienta o poder e influxo cultural das mulleres medievais
A investigadora Laura Camino Plaza aborda na súa tese de doutoramento ‘Carteándose con mujeres: tradición literaria, género y afectos en el círculo del Loira (Francia, ss. XI-XII)’, desde unha perspectiva teórico-literaria, histórica e sociolóxica, as cartas latinas que algúns dos autores da chamada Escola do Loira dirixiron a unha audiencia feminina entre finais do século XI e inicios do XII. O traballo abrangue textos escritos por Baudri de Bourgueil, Marbodo de Rennes e Hildeberto de Lavardin, e demostra que o exercicio do poder político e a influencia cultural das mulleres medievais non era nin raro nin infrecuente, nunha época de florecemento cultural para as cortes anglonormanda e aquitana.
“Grazas aos rexistros históricos conservados sabemos que as mulleres destinatarias das súas cartas pertencían a dous grupos claramente diferenciados, tanto en termos sociais como xeográficos. Situadas en Francia e en Inglaterra, algunhas daquelas mulleres levaron unha vida relixiosa, mentras que outras formaron parte da nobreza laica gobernante”, afirma Laura Camino. Esta tese pretende contribuír á comprensión do papel socio-cultural e político de todas elas —as monxas Emma, Constancia, Agnes, Beatriz e Muriel, a abadesa Cecilia, as condesas Ermengarda de Anjou e Adela de Blois, a raíña Matilde de Escocia e a emperatriz Matilde de Inglaterra— desde a recompilación, tradución e estudo de material textual de autoría masculina, “por ser aquel do que dispoñemos con maior abundancia”. Esta tese inclúe, deste xeito, a primeira tradución que existe do latín ao español das cartas que Baudri, Marbodo e Hildeberto escribiron para unha recepción feminina, sendo ademais a única que as estuda de maneira agrupada.
Compañeiras indispensables
“As peticións constantes dos autores do Loira para que as destinatarias responderan as súas cartas, xunto coa existencia de rexistros que amosan que algunhas delas recibiron e contestaron misivas doutros homes coetáneos importantes, permitiu establecer a hipótese de que existía unha ampla comunidade lecto-escritora masculina e feminina na época e territorios estudados” apunta a autora. “Cando menos no papel, as mulleres desta investigación terían sido compañeiras indispensables da amizade que apuntalaba a práctica epistolar, formando tamén parte dun tipo de discurso público que poría en valor a súa participación na vida cultural da época e que reafirmaría a súa centralidade como suxeitos relevantes no proceso histórico”, conclúe. A investigación busca dar conta de como os homes e mulleres medievais reactualizaron os modelos literarios antigos durante as súas comunicacións epistolares e que estratexias de representación afectiva e dinámicas de xénero subxacen ás súas cartas.

A partir da identificación e estudo dos centros de poder eclesiástico nos que viviron as mulleres relixiosas destinatarias das cartas do Loira, tales como Caen, Ronceray e Wilton, e das relacións de mecenado establecidas polas mulleres da nobreza laica con homes da época, puidéronse constatar dous feitos. Por unha banda, os datos recollidos pola historiografía recente apuntan a que aquelas abadías femininas terían mantido unha tendencia de apertura cara o mundo secular, posibilitando ás súas habitantes a formación de conexións e intercambios —sociais, culturais— con persoas do exterior.
Por outra banda, “o estudo do papel das mulleres da nobreza laica nos seus círculos sociais, tanto en termos de patrocinio cultural como de influencia política, permitiu contribuír á superación do chamado paradigma de excepcionalidade co que a historiografía clásica se ten achegado ao poder feminino na Idade Media”, salienta a autora. Así, seguindo a mesma liña que outras investigacións actuais, esta tese de dputoramento, coa que Laura Camino obtivo a cualificación de Sobresaliente Cum Laude, demostra que o exercicio do poder político e a influencia cultural das mulleres medievais non era nin raro nin infrecuente.
A derradeira aportación desta investigación é a inclusión da literatura epistolar do Loira, cuxo foco está posto nas mulleres que a recibiron, nos debates académicos sobre o xénero e os afectos na Idade Media. A tese foi dirixida polas profesoras da Facultade de Filoloxía Helena Rosa de Carlos Villamarín e María do Cebreiro Rábade Villar.