Ir o contido principal
STG

Eva Pombo Teijeira gaña o Premio Muralla de Lugo 2013 do Colexio de Enfermaría por un estudo sobre a morte

A galardoada Eva Pombo Teijeira, entre Asunción Núñez Magdalena e Pedro García Herradón, na entrega do premio
A galardoada Eva Pombo Teijeira, entre Asunción Núñez Magdalena e Pedro García Herradón, na entrega do premio
A alumna caurelá de segundo curso do grao en Enfermaría desenvolveu unha investigación baixo o título ‘A eutanasia: unha opción polémica’

A estudante de segundo curso do grao de Enfermaría na escola universitaria do campus de Lugo Eva Pombo Teijeira vén de gañar o Premio Muralla de Lugo 2013, convocado polo Colexio Oficial de Enfermaría (COE) de Lugo e dotado con 500 euros, por un estudo sobre a morte desenvolvido baixo o título ‘A eutanasia: unha opción polémica’.

O traballo da estudante galardoada nesta edición do Premio Muralla de Lugo do COE, nada en Folgoso do Coruel, corre polo eido da antropoloxía da saúde e, segundo sinalou a propia Eva Pombo, “ xurdiu do descoñecemento dun tema que como futura enfermeira debería coñecer dun xeito máis profesional e en profundidade”. Cunha visión etic e partindo da bibliografía publicada ao respecto, Pombo Teijeira desenvolveu un traballo de campo e baseado na observación en medios hospitalarios nos que aplicou técnicas etnográficas, a partir das que chegou a conclusións sobre as diferentes definicións de eutanasia, unhas determinacións que, segundo admite, seguen abertas a revisión e investigación. Logo de coñecerse o fallo do xurado encargado de outorgar o Premio Muralla de Lugo 2013 do Colexio Oficial de Enfermaría, Eva Pombo Teijeira, recibiu o galardón de mans da presidenta do colexio profesional de Lugo, Lourdes Bermello, no transcurso da cea de homenaxe á excelencia profesional. Neste acto, que congregou un bo número de profesionais da enfermaría, tamén estiveron presentes o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e a directora da escola universitaria de Enfermaría do campus lugués, Asunción Núñez Magdalena. Eva López Teijeira xunto coa presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo, Lourdes Bermello, á dereita

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2013.