Ir o contido principal
STG

‘Evohé’ afonda na universalidade cultural cun dobre monográfico sobre Arxentina e a memoria e manifestacións artísticas orientais

Rodriguez, González, Silva, Fiaño e López, na presentación do último número de 'Evohé', a revista cultural do campus de Lugo
Rodriguez, González, Silva, Fiaño e López, na presentación do último número de 'Evohé', a revista cultural do campus de Lugo
A vicerreitora Carme Silva presentou o número 25 da revista cultural do campus, coordinado por Cristina Fiaño e Sandra López e que contará cunha edición en liña

A revista cultural do campus de Lugo ‘Evohé’ cumpre o seu primeiro cuarto de século de existencia cun número dobre, coordinado polas estudantes da Facultade de Humanidades Cristina Fiaño e María Sandra López Fernández e no que se inclúen cadanseu monográfico sobre Arxentina e a memoria e a cultura oriental. Esta nova publicación universitaria, cuxa edición en papel sae á luz grazas ao apoio económico recibido da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo e da propia Facultade de Humanidades, estará tamén dispoñible en liña a través do Servizo de Publicacións da USC, segundo adiantou a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva, na presentación do número 25 de ‘Evohé’, “unha revista multilingüe que fala desde o galego”, dixo.

“A revista ‘Evohé’ ten acreditado coa súa vixencia durante estes anos que é un produto cultural sostible. Esta publicación de calidade é tamén o resultado da sinerxía, da colaboración e do bo entendemento de profesores e estudantes, unha publicación que afonda na universalidade cultural de todo o mundo sen perder nunca de vista o enfoque social”, sinalou Carme Silva, quen tampouco reparou en parabéns para as alumnas que se ocuparon de coordinar este número, así como para os profesores e demais colaboradores, que, dalgún ou doutro xeito, participan dos contidos. ‘Evohé’ é o resultado dun traballo experimental moi acaído para o estudantado dunha Facultade de Humanidades, destacou o profesor, poeta e un dos valedores desta publicación desde os seus comezos, Claudio Rodríguez Fer, quen tamén inclúe neste último número un poema inédito co que rende a súa particular homenaxe a Darío Rivas. Unha entrevista a este galego xa nonaxenario emigrado e asentado na Arxentina e que foi o iniciador da querela arxentina contra os crimes do franquismo, así como outra de Taty Almeida, integrante da Asociación Nais da Praza de Maio, quen tamén visitou este ano a Facultade de Humanidades de Lugo para dar testemuño da súa experiencia vital, conforman o núcleo temático do monográfico desenvolvido baixo o título ‘Arxentina e a memoria’, coordinado por Cristina Fiaño e no que se inclúen, entre outras, unha achega da profesora e escritora Carmen Blanco. O bloque centrado na cultura oriental, coordinado por María Sandra López Fernández, aproxima ao lector, ao longo de medio cento de páxinas pola historia, arte, literatura, cine, música e arquitectura oriental. China, Xapón, Taiwan e Corea e a súas respectivas manifestacións culturais, son algunhas das estacións ás que presta especial atención este monográfico do número 25 de Evohé. A coordinadora deste bloque temático deu cabida na súa elaboración á comunidade china presente na Facultade de Humanidades, cuxos representantes son protagonistas activos deste último número de ‘ Evohé’, do mesmo xeito que a comunidade mexicana que está a cursar estudos no campus de Lugo. Outras das novas que presenta esta última entrega de ‘Evohé’ atinxe á inclusión entre os seus contidos de documentación extraída de diversos traballos finais de grado, unha achega orientada a servir de guía ou axuda para os futuros egresados, segundo indicou López Fernández. A inclusión de debuxos e ilustracións, algunha baseada nun gravado de Sara Lamas como é o caso da portada deste número’, e coidada maquetación, presentación e deseño da última entrega de ‘ Evohé’ , mereceron tamén os parabéns da decana da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, María Isabel González Rey, así como do resto de docentes que participaron este martes na presentación do último número da revista cultual do campus de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.12.2014.