Ir o contido principal
STG

Exercicio e educación, axudas para o corazón

Leonor Ortega, na súa intervención nas xornadas sobre enfermería celebradas no Hula
Leonor Ortega, na súa intervención nas xornadas sobre enfermería celebradas no Hula
A Asociación Española de Enfermaría e Cardioloxía premia un estudo da enfermeira Leonor Ortega sobre a eficacia do programa de rehabilitación cardíaca no Hula

O exercicio físico e a formación ou educación en hábitos saudables constitúen dos piares básicos para a prevención de enfermidades cardiovasculares, ao tempo que son dúas das recomendacións máis repetidas polos profesionais que se ocupan da vixilancia da saúde, tal e como se puxo de manifesto nas xornadas sobre novos retos profesionais da enfermería, un foro organizado pola Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Lugo que congregou máis de 350 estudantes e profesionais no Hospital Universitario Lucus Agusti (Hula).

Alén de consideracións, a incidencia positiva do “autocoidado’ na saúde de cada persoa semella fóra de calquera dúbida. Os resultados da investigación respecto da eficacia do programa de rehabilitación cardíaca posto en marcha no Hula a finais do ano 2014 apuntan nesta mesma dirección, segundo mantén a supervisora da Unidade de Hemodinámica e Cardioloxía Intervencionista do Hula, Leonor Ortega Fernández, que é a autora da investigación premiada en Barcelona, no marco do último congreso da Asociación Española de Enfermaría e Cardioloxía.

O estudo realizado por Ortega Fernández compila datos estatísticos do primeiro ano de funcionamento deste programa. Daquela, a autora recolle nesta investigación datos e parámetros das persoas usuarias deste programa de rehabilitación cardíaca que permiten interpretar e valorar a evolución e mellora da súa saúde cardiovascular a curto e medio prazo.

Os resultados do primeiro ano de funcionamento (desde decembro de 2014 ata finais de 2016) da iniciativa de recuperación e rehabilitación cardiovascular desenvolvida no Hula, un programa estruturado en oito semanas de duración e que incluía sesións de ximnasia e charlas de formación e sensibilización sobre hábitos e pautas saudables para o corazón, son “moi positivos”, sentencia Leonor Ortega. Esta profesional sanitaria formada na Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Lugo defende asemade que os “corazóns adestrados son unha vantaxe á hora de previr enfermidades”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.04.2018.