O experto Claudio Gómez asegura nunha conferencia que a exposición a microondas de telefonía móbil incrementa o padecemento de determinadas doenzas
O doutor Claudio Gomez Perretta, xefe de Sección de Investigación en Saúde Pública no Hospital Universitario La Fe (Valencia), expuxo en Psicoloxía os resultados dun estudo epidemiolóxico sobre o posible efecto sobre a saúde pola exposición crónica de Radiofrecuencias provenientes das Estacións Base de Telefonía Móbil. En concreto, o traballo de campo realizouno en dúas estacións base GSM de 900 MHz e 1800 MHz.
Do estudo, realizado sobre 97 persoas de ambos sexos de idades comprendidas entre os 14 e os 81 anos e cunha media de 39 anos, despréndese que a exposición a microondas de telefonía móbil de intensidade moi baixa incrementa “significativa e considerablemente o padecemento de fatiga, tendencia depresiva, desordes do sono, problemas cardiovasculares, dificultades de concentración, desordes da pel e perda de apetito”.
Segundo explicou Claudio Gómez, nos suxeitos cun grao intermedio de exposición ás microondas advertíronse cefaleas, náuseas, problemas de audición, irritabilidade, vertixe, alteracións visuais e da marcha, “en menor grao que os expostos a maiores valores de fluxo de densidade de potencia”.
Para a realización da investigación cada suxeito completou un cuestionario de síntomas “que comprenden o conxunto daqueles que constitúen o síndrome de microondas”, matizou o experto. Ademais, segundo o nivel de exposición, medido en cada dormitorio dos participantes, dividiuse á mostra en tres grupos: un primeiro de referencia con exposicións de 0.0001 a 0.0004 microvatios por centímetro cadrado, o intermedio con exposicións de 0.0006 a 0.0128 e o de máxima exposición entre 0.0165 a 0.44. A este respecto, o doutor Claudio Gómez apuntou que a Lei permite ata 450 microvatios por metro cadrado para estacións base de 900 MHz e de 900 microvatios por metro cadrado para as de 1800 MHz.
Claudio Gómez PerrettaClaudio Gómez Perretta destaca por ser asesor daInternational Commission for Electromagnetic Safety (ICEMS) como membro de pleno da Sociedade Europea de Bioelectromagnetismo.
Licenciado en Medicina e en Ciencias Químicas pola Universidade de Valencia, realizou estadías como bolseiro de investigación no Hospital Bichat de París, e no Departamento de Psiquiatría do Down-State Medical Center de Nova York. Os seus traballos experimentais centráronse en histoquímica básica e bioloxía celular de hepatocitos fetais de ratas expostas ao etanol durante a xestación, na neurofisioloxía de alcohólicos abstinentes, nos factores de risco culturais asociados á bulimia nerviosa en 12 países e, máis recentemente, no estudo mediante potenciais evocados da regulación cortical sensorial e síndrome de hipervixilancia de pacientes de fibromialxia.
Entre outras distincións, Gómez Perretta é Premio de Investigación Científica do Congreso Mundial para a Formación Profesional en 1997 e Premio de Investigación da Sociedade Española de Toxicomanías en 1999 polas súas achegas ao estudo da serotonina na conduta aditiva.