Expertos debaten na USC sobre as relacións da empresa coa administración electrónica

O reitor da USC, Juan Casares Long, inaugurou este martes na Aula Magna da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais as xornadas ‘As relacións da empresa coa administración electrónica’ que se desenvolverán ata o xoves. O encontro, co organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Centro de Estudos Cooperativos da USC e a Xunta de Galicia, reúne a expertos que abordarán a Administración electrónica desde o punto de vista do acceso da cidadanía aos servizos públicos, a contratación, a facturación, a protección de datos ou a informatización das cooperativas, entre outros aspectos. Asemade, os asistentes coñecerán a normativa sobre protección de datos e a súa aplicabilidade así como o Decreto polo que se desenvolve a Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Programa No acto de apertura participaron, ademais do reitor, a secretaria xeral de Modernización e Innovación, Tecnolóxica, Mar Pereira; o director do Centro de Estudos Cooperativos da USC, Manuel Botana; o director xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Odilo Martiñá; o presidente do CPEIG, Fernando Suárez; e a decana da Facultade anfitrioa, Emilia Vázquez Rozas. A continuación interveu o avogado especialista en TIC Miguel Ángel Davara co relatorio ‘Acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos’. A xornada continúa pola tarde cunha mesa redonda sobre empresa e administración electrónica na que interveñen o presidente do Consello Galego de Colexios de Economistas, Roberto Pereira Costa; o presidente de Blusens, José Ramón García González; o conselleiro delegado de PLEXUS, Antonio Agrasar Cascarllar; e o presidente da FEGAMP, Carlos Fernández Castro. A sesión do mércores 4 tratará cuestións relacionadas coa contratación electrónica nas entidades locais e a contratación e facturación na Xunta de Galicia. Pola tarde haberá unha mesa redonda sobre a administración electrónica e a informatización das cooperativas. O réxime sancionador na LOPD, as perspectivas para a implantación da Administración electrónica na Xunta de Galicia e a administración electrónica na Universidade serán os tres temas de discusión da xornada do xoves, que se clausurará ás 14:00 horas. As xornadas desenvólvense ata o xoves na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais