Expertos da península e Hispanoamérica revisarán o fenómeno da literatura oral nun curso en Humanidades
‘A literatura oral na actualidade: Galicia e Hispanoamérica’ será o tema de debate que reunirá en Lugo a expertos en literatura oral de ambos lados do Atlántico, nun curso promovido pola Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier da USC e no que colabora a Deputación Provincial de Lugo. A Facultade de Humanidades será a sede deste encontro que alternará, do 20 ao 22 de outubro, unha serie de conferencias e obradoiros que abordarán a riqueza das literaturas orais de Galicia e Hispanoamérica dende diversas perspectivas. Os obradoiros, que estarán coordinados por persoas especializadas na creación e difusión de obras artísticas de carácter oral, servirán para amosar técnicas de improvisación e de recollida da literatura oral. O programa tamén prevé a actuación do repentista cubano, Alexis Díaz Pimienta, que levará a cabo un recital de improvisación. Esta iniciativa, dirixida polas profesoras Ana Chouciño e María Xesús Nogueira, pretende paliar a escasa atención que se lle presta no ámbito académico á literatura oral destas dúas áreas xeográficas. Ao mesmo tempo, o curso pretende ser útil aproveitando a recente implantación do novo grao de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo. Docentes, investigadores, escritores e artistas serán os encargados das actividades teóricas e prácticas que compoñen o programa do curso, dotado cun crédito de libre configuración e dirixido tanto a estudantes como a profesores e egresados das titulacións do campus lucense, especialmente as humanísticas e educativas. Cátedra de Cultura Cubana A Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier da USC está dirixida pola profesora de Literatura Española, Ana Chouciño, e foi fundada en 1994 mediante un acordo bilateral coa Universidade da Habana e a súa Facultade de Artes e Letras coa finalidade de promover e difundir a cultura cubana nos campos das Humanidades e Ciencias Sociais. Este curso susténtase, ademais, no feito de que a literatura hispanoamericana e galega atopan un importante punto de encontro na súa manifestación oral.