Explican nunha charla práctica as relacións entre a música e as matemáticas
Baixo o título ‘Música e Matemáticas con guitarra e Matlab’ o profesor da Universidade Complutense de Madrid José Ansemil impartirá unha charla este xoves 25 ás 17.00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. Ansemil exporá algunhas relacións entre a música e as matemáticas, especialmente desde o punto de vista da interpretación e do procesado dos sinais dos instrumentos musicais. Tomando como exemplo unha guitarra, verase cómo as cordas producen uns sons que poden representarse por funcións matemáticas e mostrarase cómo unha potente ferramenta, a Transformada de Fourier, permite manipular eses sinais e, como consecuencia, os sons que as xeraron.
Ao final da charla gravaranse uns compases dunha obra musical para comprobar na práctica o proceso e como se poden levar a cabo modificacións, como por exemplo corrixir unha nota fóra de ton.