Ir o contido principal
STG

A exposición RSME-IMAGINARY-Santiago pecha as súas portas con grande asistencia de público

A exposición RSME-IMAGINARY-Santiago organizada pola Facultade de Matemáticas da USC clausúrase este xoves 16 logo de permanecer aberta dende o mes de marzo con grande éxito de público, máis de 4.000 persoas. Nestes dous meses máis de trinta centros de Educación Secundaria de toda Galicia gozaron da interactividade desta proposta titorizados por un equipo de alumnos e alumnas da Facultade de Matemáticas da USC. A mostra, que incluía outra sobre ‘O Sabor das Matemáticas’ da Universidade de Málaga, completouse con actividades dirixidas ao público xeral, como foron as conferencias ‘Matemáticas para o planeta Terra’ do profesor Miguel Ángel Herrero García e ‘Sentidos e límites da utilidade: o coñecemento e a dicha de vivir’ do profesor Ángel Gabilondo Pujol. Ademais, Manuel Vicente, director do programa Efervesciencia da Radio Galega, coordinou a acción ‘Matemáticas efervescentes no Mercado de Abastos’. As matemáticas tamén saíron ás rúas a través dun paseo matemático por Santiago de Compostela e ata os máis pequenos puideron participar nun obradoiro de papiroflexia. Para a exposición contouse coa colaboración da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC; da Secretaría Xeral de Cultura da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia; do Instituto de Matemáticas da USC; do IEMath-Galicia; da Fundación Barrié e educaBarrié; das asociacións ENCIGA, AGAPEMA e SGAPEIO; do ITMATI; da Olimpíada Matemática Galega; de ESTALMAT Galicia e das Facultades de Filosofía e de Xeografía e Historia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.05.2013.