A Facultade de Farmacia celebra unha reunión científica e unha exposición para dar a coñecer as súas liñas de investigación
Para conmemorar o seu 150 aniversario e coa finalidade de dar a coñecer as súas actuais investigacións, a Facultade de Farmacia organiza unha reunión científica multidisciplinar que se inaugurará este venres, día 15, ás 12:00 na Aula Magna do propio centro e que continuará ao longo dos vindeiros meses con diversas actividades de divulgación.
A inauguración deste encontro contará coa presenza do decano de Farmacia, José Miñones Trillo, e do profesor de Investigación do Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIS, Mariano Esteban Rodríguez, quen pronunciará a conferencia ‘Desenvolvemento dunha vacina contra o VIH/SIDA’.
Ao mesmo tempo, o centro acolle unha exposición de carteis nos que se mostra o traballo dos seus vinte e oito grupos de investigación e as súas preto de 75 liñas de investigación, que xa se atopan recollidas nun libro editado pola propia Facultade.
Xuntanza de ex profesoresA Facultade de Farmacia tamén será sede ese mesmo venres 15 dunha xuntanza dos seus ex profesores que terá lugar ás 13:00 horas e á que asistirán a catedrática de Bioquímica da Universidade Complutense de Madrid e presidenta da Real Academia Nacional de Farmacia, María Teresa Miras Portugal; e o catedrático de Bioquímica da Universidade de Salamanca, José Antonio Cabezas Fernández del Campo.
Neste acto tamén se entregarán medallas conmemorativas do 150 aniversario da Facultade de Farmacia aos ex profesores e, como clausura, intervirá o decano Miñones Trillo. Xa pola noite, a Facultade de Farmacia continuará coa celebración no Auditorio de Galicia onde actuará a partir das 20:30 horas o grupo musical ‘Leilía’.