Ir o contido principal
STG

A Facultade de Farmacia convoca un certame de literatura en lingua galega nas modalidades de verso e relato

O prazo de admisión de orixinais estará aberto ata o vindeiro 31 de xaneiro

Dentro dos actos conmemorativos do 150 aniversario da creación da Facultade de Farmacia, a comisión organizadora deste centro convoca o Certame de Literatura en Lingua Galega nas modalidades de verso e relato. O prazo de admisión de orixinais permanecerá aberto ata o vindeiro 31 de xaneiro.
Os traballos, con liberdade de tema e forma, deberán ter unha extensión non superior a 50 versos ou a cinco folios na modalidade de relato e presentarse por quintuplicado en folios mecanografados ou mediante impresión informática a dobre espazo por unha soa cara.
Nesta convocatoria, patrocinada pola empresa Mundo R, pode participar calquera persoa residente en España con orixinais non premiados anteriormente en ningún outro certame. As obras deberán remitirse ao Certame de Literatura 150 Aniversario, Facultade de Farmacia da USC (Campus Universitario Sur, 15.782 Santiago).
O concurso ten un único premio para cada modalidade dotado con 600 euros e medalla conmemorativa. O centro quedará coa propiedade dos traballos premiados podendo publicalos na forma que estime conveniente para a súa difusión.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.12.2007.