Ir o contido principal
STG

A Facultade de Farmacia entregou os premios dos certames de debuxo e pintura e de literatura en lingua castelá

A Facultade compostelá de Farmacia entregou este venres os premios dos certames de ‘Debuxo e pintura’ e de ‘Literatura en lingua castelá nas modalidades de verso e relato’, convocados en conmemoración do 150 Aniversario da creación da Facultade e patrocinados por Alcaliber S. A. e a Farmacia Gómez-Ulla de Santiago. O acto estivo presidido polo decano do centro, José Miñones Trillo, e a el asistiron os membros dos dous xurados así como alumnos e persoal docente do centro.
Na modalidade de pintura, a compostelá Mª del Carmen Rivas Fraga recolleu os 1.500 euros e o diploma que lle correspondían por ter gañado o primeiro premio coa obra ‘No camiño novo’; mentres que o segundo foi para Beatriz Suárez Saá por ¿Simplemente ficción?, dotado con 750 euros e diploma. Pola súa banda, Cristina Ramírez Rodríguez, de Ferrol, foi a gañadora do segundo premio – o primeiro quedou deserto- na modalidade de debuxo por Pestanexo, con 500 euros e diploma.
Xa no certame de literatura en lingua castelá, Francisco Javier Pérez Fernández, de León, foi o gañador na modalidade de verso pola súa obra ‘Ofrenda’ a quen lle corresponderon 600 euros e medalla conmemorativa. Na de relato, o gañador foi Daniel Barbazán Turnes, de Negreira, coa obra ‘No puede ser tan complicado’, co que se embolsou 600 euros e a medalla conmemorativa.
Os xurados, presididos polo decano da Facultade e co profesor Castiñeiras Campos como secretario, estiveron integrados por personalidades destacadas do eido da cultura. Así, no certame de debuxo e pintura participaron o profesor Javier Vilariño Pintos; o director do Museo do Pobo Galego, Carlos García Martínez; e o director de ARTNOTES, Revista de Arte e Cultura, Manuel Nieto García. Xa no de literatura avaliaron os traballos os catedráticos da USC Darío Villanueva Prieto e José M. González Herrán; e o farmacéutico Alejandro Gómez-Ulla Álvarez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.01.2008.