Ir o contido principal
STG

A Facultade de Farmacia expón unha selección dos mellores traballos do certame de fotografía que conmemora o seu 150 aniversario

As obras presentadas ao Certame de Fotografía ‘150 aniversario da Facultade de Farmacia da USC’, patrocinado por Agrupación Mutual Aseguradora AMA, poden contemplarse ata o vindeiro 10 de xuño na propia Facultade logo de que o xurado emitise o seu fallo. Das 59 fotografías presentadas ao concurso, o xurado seleccionou para a mostra un total de 30.
O gañador do certame foi Roberto González Berdini, da Coruña, pola fotografía ‘Camiño de Pamukkale’, que lle valeu un premio en metálico de 750 euros. O segundo premio de 500 euros mereceuno ‘Gatos da rúa 2’ de José Ramón Moreno Fernández, de Zaragoza; mentres que o terceiro, dotado de 250 euros e elixido entre as fotografías presentadas polos integrantes ou licenciados da Facultade de Farmacia da USC, foi a parar a ‘Que ben, isto non ardeu’,de Manuel Campos Toimil. O xurado, atendendo á mellor calidade fotográfica e interese etnográfico, outorgou tamén unha mención especial á fotografía ‘Pisac’, presentada por Javier Pedro Fernández Ferreras, de Berango.
Na exposición figuran tamén as fotografías premiadas polo público do certame virtual onde concursaron un total de 177 obras. O premio correspondeu a ‘Alba’, de María Castellano Vicente, de Xixón. Aínda que nesta modalidade só estaba previsto un premio único de 250 €, dado o axustado do resultado acadado na votación, a comisión organizadora acordou conceder un Accésit á obra ‘Mans do avó’, de Manuel Pombo Garazo, de Santiago de Compostela.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.05.2007.