Ir o contido principal
STG

A Facultade de Farmacia inaugurou unha reunión científica cunha conferencia sobre a creación dunha vacina contra a SIDA

A reunión científica compleméntase cunha mostra de carteis no que se expón o traballo dos seus vinte e oito grupos de investigación e as preto de 75 liñas de investigación
A reunión científica compleméntase cunha mostra de carteis no que se expón o traballo dos seus vinte e oito grupos de investigación e as preto de 75 liñas de investigación
Para celebrar o seu 150 aniversario, o centro tamén organizou un encontro de ex profesores e acolle unha exposición coas súas achegas

Enmarcada nos actos de conmemoración do seu 150 aniversario, a Facultade de Farmacia organiza unha reunión científica multidisciplinar que se inaugurou este venres no propio centro coa conferencia ‘Desenvolvemento dunha vacina contra a VIH/SIDA’ do profesor de Investigación do Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIS, Mariano Esteban Rodríguez. Ao acto tamén asistiron o decano de Farmacia, José Miñones Trillo, e a coordinadora do encontro, a profesora María Isabel Cadavid.
Mariano Esteban, doutor en Farmacia pola USC, destaca polos seus traballos sobre a bioloxía do virus vacinal que serviron para a creación dunha vacina contra a varíola e para elaborar outras posibles contra a SIDA, malaria e Leishmania, sendo pioneiro en procedementos de inmunización combinada de vectores. Actualmente, xa iniciou o desenvolvemento de novas vacinas contra a hepatite C e cancro de próstata.
Con máis de 200 traballos publicados en revistas internacionais e máis de 200 comunicacións en congresos de todo o mundo, este científico traballou máis de vinte anos en institucións estranxeiras e, en 2005, obtivo un acordo coa Fundación Marcelino Botín para o desenvolvemento de novas vacinas. O seu proxecto de ‘poxvirus recombinantes’ coma vacinas contra a VIH/SIDA foi seleccionado pola Fundación Bill y Melinda Gates.
A reunión científica compleméntase cunha mostra de carteis no que se expón o traballo dos seus vinte e oito grupos de investigación e as preto de 75 liñas de investigación. A iniciativa continuará ao longo dos vindeiros meses con diversas actividades de divulgación nas que os investigadores de Farmacia explicarán as liñas dos seus traballos que xa se atopan recollidas nun libro editado polo propio centro.
Xuntanza de ex profesoresA Facultade de Farmacia tamén acolleu este mesmo venres unha xuntanza dos seus ex profesores á que asistiron a catedrática de Bioquímica da Universidade Complutense de Madrid e presidenta da Real Academia Nacional de Farmacia, María Teresa Miras Portugal, e o catedrático de Bioquímica da Universidade de Salamanca, José Antonio Cabezas Fernández del Campo.
Neste acto entregáronse medallas conmemorativas do 150 aniversario da Facultade aos ex profesores presentes e, como clausura, interveu o decano Miñones Trillo. Xa pola noite, a celebración continúa no Auditorio de Galicia ás 20:30 horas cun espectáculo do grupo ‘Leilía’ no que a banda repasará as súas composicións máis coñecidas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.06.2007.