Ir o contido principal
STG

A Facultade de Farmacia da USC, galardoada co Premio da Real Academia de Farmacia de Cataluña

O galardón quere recoñecer a contribución do centro compostelá ao "enaltecemento das Ciencias Farmacéuticas"

A Facultade de Farmacia da USC acaba de ser distinguida co Premio da Real Academia de Farmacia de Cataluña correspondente ao ano 2008 en recoñecemento a súa contribución ao longo de 150 anos “ao enaltecemento das Ciencias Farmacéuticas”. O galardón, concedido por unanimidade, quere tamén destacar o carácter do centro compostelán como “modelo no país, tanto pola súa calidade docente como pola acollida que sempre soubo dar aos futuros farmacéuticos que se achegaron ás súas aulas”.
A Real Academia de Farmacia de Cataluña concede anualmente este premio co obxectivo de destacar a una personalidade, colectivo ou institución que contribuíra de xeito destacado, ben a través dunha traxectoria perseverante ou cun feito de alcance singular, a ennoblecer o mundo da Farmacia en Cataluña, no resto do territorio español ou no ámbito internacional.
A entrega do premio, unha medalla de prata de deseño exclusivo, celebrarase o vindeiro día 19 no transcurso da sesión inaugural do curso da Academia na súa propia sede.
150 aniversarioA Facultade de Farmacia de Santiago conmemorou ao longo do pasado curso académico o 150 aniversario da súa creación, cun abano de actividades que incluíu a edición dun libro que recolle a historia do centro, a celebración dun congreso científico multidisciplinar, a 39 edición da asemblea anual de antigos alumnos e diversos certames de carácter cultural cos que se pretendía poñer en valor a importancia destes estudos e a súa transcendencia social.
O centro estableceuse na USC en 1857 en virtude da promulgación da Lei Moyano, acollendo nas súas aulas a máis de dez mil alumnos ao longo destes 150 anos, cunha grande incidencia no desenvolvemento da universidade compostelá e da cidade de Santiago dende os seus comezos no Colexio de Fonseca.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.01.2009.