Ir o contido principal
STG

A Facultade de Farmacia da USC, sede da exposición itinerante 'Galiciadixital'

A mostra, enmarcada nos actos conmemorativos do 150 aniversario deste centro docente, abrirá ao público o vindeiro luns

Con motivo da conmemoración do seu 150 aniversario, a Facultade de Farmacia acolle a exposición itinerante ‘Galicia Dixital’ que se inaugurará o vindeiro luns, día 23, ás 13:00 horas nun acto ao que asisten o decano, José Miñones Trillo, e o subdirector xeral de Telecomunicacións e Audiovisual, Manuel Conde Mouzo.
Aberta ata o venres 27 de abril, esta mostra da Xunta de Galicia pretende ofrecer unha experiencia interactiva distinta aos museos convencionais e achegar á cidadanía as últimas tecnoloxías multimedia e audiovisuais. Asemade, esta iniciativa servirá para que as empresas do sector e as institucións galegas dean a coñecer os seus proxectos de investigación máis actuais de xeito lúdico.
Ademais dunha pantalla auto-estereoscópica que proxecta fotografías realizadas en tres dimensións que se poden visualizar sen gafas especiais, a exposición tamén ofrecerá ao público unha presentadora virtual, cine en tres dimensións ou imaxes panorámicas das cidades do camiño, das rías e dos portos deportivos. Do mesmo xeito, ‘Galiciadixital’ acolle vistas aéreas, xogos en 3D ou unha mesa virtual que tocándoa permite visitar toda a comunidade galega.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.04.2007.