A Facultade de Formación do Profesorado de Lugo celebra o acto de graduación de todas as especialidades impartidas no centro
A Facultade de Formación do Profesorado de Lugo celebra o sábado 30 a partir das 18.30 horas a graduación da última promoción de titulados polo plan de estudos anterior á súa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. A cerimonia terá lugar no auditorio municipal Gustavo Freire da capital lucense, e estará presidido polo reitor da USC, Juan Casares. O reitor estará acompañado polo decano da Facultade, Francisco Rodríguez Lestegás; a vicedecana, María del Carmen Díaz Rodríguez; e a secretaria, María del Mar Viña Rouco. A mesa presidencial complétase coa presenza do padriño desta promoción, o profesor Rubén Navarro Patón. Participan tamén dous alumnos por cada unha das catro especialidades do centro, que lerán un discurso en nome dos seus compañeiros. Ao acto están convidados os máis de 150 alumnos que este ano rematan os seus estudos nas especialidades de infantil, primaria, lingua estranxeira e educación física, así como os seus familiares e achegados. Á conclusión das intervencións dos membros da mesa e da entrega dos diplomas aos novos titulados, está prevista unha actuación musical a cargo do coro irlandés Coda.