A Facultade de Formación do Profesorado súmase ao BookCrossing cun punto para recoller e deixar libros
A Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela vén de poñer en marcha unha iniciativa de BookCrossing, coa habilitación nas súas dependencias dun punto oficial para recoller e deixar libros, de xeito gratuíto.
Esta nova biblioteca aberta, simbolizada nun estante que se atopa emprazada na planta baixa da Facultade de Formación do Profesorado, permite por a disposición de toda a comunidade universitaria, así como do resto da cidadanía en xeral, todas as publicacións liberadas previamente polos seus propietarios para formar parte desta rede global de libros. A iniciativa de BookCrossing promovida por varios profesores da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo e apoiada por todo o cadro docente e o Decanato do centro suma xa varias decenas de fondos bibliográficos, unha colección de títulos entre os que os demandantes poden atopar diversos xéneros literarios, tanto escritos en galego como en español, ademais de literatura infantil, cómic, ensaio, publicacións de temática especializada... Cada BookCrosser ou persoa interesada en formar parte desta rede global pode compartir os seus libros, liberándoos, xa sexa no punto oficial ou en calquera lugar que elixa. Se previamente os rexistra, o sistema asígnalle un código, o chamado BCID, que permitirá que poida seguir a súa viaxe polo mundo. Do mesmo xeito, todas as persoas que así o estimen tamén poden coller libros do punto oficial ou en calquera outro lugar que o atopen. O punto oficial de BookCrossing establecido na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo respecta, como non podía ser doutro xeito, o carácter gratuíto desta rede global de intercambio e préstamo de libros que funciona por todo o mundo. De feito, cómpre salientar que os libros cos que naceu este aínda modesto punto de BookCroosing non corresponden a ningunha biblioteca, senón que se trata de achegas e voluntarias feitas polos lectores. O campus de Lugo pretende, a través da instalación dun punto oficial de BookCrossing na Facultade de Formación do Profesorado contribuír ao fomento da lectura e a crear, a través dos libros, redes entre as persoas, mediante un divertido exercicio de cooperación e cidadanía.
Os promotores desta iniciativa xa estableceron contactos nos últimos días con outros colectivos ou entidades cos que comparten o interese pola lectura e que xa manifestaron a súa intención de aumentar os fondos deste punto de BookCrossing coa achega de diverso material bibliográfico.