A Facultade de Humanidades aborda as orientacións profesionais do grao en Ciencias da Cultura nunhas xornadas monográficas
A Facultade de Humanidades do campus de Lugo celebra este xoves, día 30 de outubro, a cuarta edición das xornadas de mediación e xestión cultural, unha sesión monográfica sobre iniciativas e creación da industria cultural que se desenvolverá durante toda a xornada no salón de actos do centro universitario. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva, abrirá este foro ás 10.00 horsa.
A temática escollida polos promotores deste foro, promovido pola Aula Profesional de Cultura de Humanidades, fai especial fincapé na análise dos perfís ou opcións profesionais do título de grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, a través dos distintos relatorios programados, nos que responsables e promotores de industrias ou empresas culturais relatarán as súas respectivas experiencias ou falarán das múltiples posibilidades profesionais que depara a mediación e a xestión cultural.