Ir o contido principal
STG

A Facultade de Humanidades celebra o 20 de febreiro a xornada ‘Innovando no eido profesional da cultura’

Facultade de Humanidades do campus de Lugo
Facultade de Humanidades do campus de Lugo
A participación nesta aula profesional está aberta a todos os públicos e os interesados poden facer a súa inscrición de balde ata o martes 19

A Facultade de Humanidades do campus de Lugo organizará o vindeiro mércores 20 de febreiro, a través da súa Aula Profesional de Cultura, unha xornada en xestión e mediación cultural que se desenvolverá baixo o título ‘Innovando no eido profesional da cultura’.

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, serán os encargados de inaugurar este foro, no marco do que distintos profesionais achegarán a súa visión e tamén as súas respectivas experiencias en eidos diferenciados como o son a innovación no patrimonio, na difusión e na empresa. A segunda edición desta xornada en xestión e mediación cultural promovida pola Facultade de Humanidades do campus de Lugo, que se desenvolverá no salón de actos do centro en quenda de mañá e tarde, de 10.00 a 18.30 horas, rematará co obradoiro ‘Os andares da civilización: vivimos na cultura snack?’, protagonizado polos alumnos da Facultade de Humanidades e durante o que se proxectará un documental. A difusión do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, unha titulación de nova implantación do Sistema Universitario Galego que se imparte exclusivamente no campus de Lugo, é un principais obxectivos que pretende a Facultade de Humanidades de Lugo coa celebración deste foro profesional sobre innovacións no eido profesional da cultura. A presentación dos distintos itinerarios profesionais que se lle presentan aos alumnos do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultura, do que sairá a primeira promoción de titulados ao remate deste curso académico, é outra das premisas da II Xornada en Mediación e Xestión Cultural. Esta sesión práctica organizada pola Aula Profesional de Cultura da Facultade de Humanidades do campus de Lugo está aberta á participación de todos os públicos, desde alumnos de ensino secundario e Bacharelato ata alumnos universitarios, mestres, profesores e demais profesionais vinculados dalgún xeito co mundo cultural.

A inscrición nesta xornada é de balde e todos os interesados poderán formalizar a súa pertinente matrícula a través do correo electrónico fhdeca [at] usc.es (fhdeca[at]usc[dot]es) ata o vindeiro día 19 de febreiro. Todos os asistentes recibirán un diploma acreditativo de ter participado nesta xornada.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.02.2013.