Ir o contido principal
STG

A Facultade de Humanidades dedicará á América Latina o seu Curso de Primavera

Será entre os días 11 e 13 de marzo e a inscrición remata o mércores 5

A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo celebrará entre os días 11 e 13 de marzo a cuarta edición do seu Curso de Primavera, que nesta ocasión estará dedicado á cultura latinoamericana. Esta actividade formativa está organizada dentro da programación do Convenio Lugo Cultural, ao que pertencen, ademais da USC, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e a Fundación Caixa Galicia.
O curso, que é gratuíto, está recoñecido con un crédito de libre configuración polas facultades de Humanidades, Administración e Dirección de Empresas e a Escola de Formación do Profesorado. Entregarase certificado de participación polas 30 horas das que consta.
O horario do curso será de 10:00 a 21:00 horas cunha sucesión de relatorios de distintos especialistas. A primeira xornada estará máis definida no tratamento da simboloxía de Perú e Cuba mentres que no resto dos días se tratarán temas xenéricos, dentro do aspecto literario, lingüístico, histórico e social.
O feminismo, a globalización, a economía ou a emigración son algúns dos temas transversais deste curso, que rematará o día 13 cun recital poético a cargo de Claudio Rodríguez Fer co título ‘Poeta galego en Nova York’.
O prazo de inscrición para este curso de primavera rematará o mércores 5 de marzo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.02.2008.