A Facultade de Humanidades desenvolve no Museo Provincial de Lugo un seminario sobre epigrafía romana
O Museo Provincial de Lugo acolle dende este luns 6 ata o 10 de xuño o I Seminario Monográfico de Historia Antiga: Introdución á Epigrafía romana que organiza a Facultade de Humanidades e coordina a profesora de Historia Antiga M.ª Dolores Dopico. No curso preténdese formar aos participantes nas nocións esenciais de epigrafía romana de xeito que cada xornada constará dunha parte teórica -na que se mostrará a tipoloxía dos monumentos, córpora, publicación e edición de inscricións, historia, principais tipos de epígrafes e a súa formulación- e outra parte práctica na que aprenderán a fotografar e realizar calcos das inscricións e a ler e interpretar historicamente as máis relevantes depositadas no Museo. Todas as sesións serán impartidas pola profesora Dopico e o arqueólogo do Museo Provincial de Lugo Enrique Alcorta. Deste xeito, non só se ofrece unha formación complementaria sobre Historia Antiga útil para numerosos campos profesionais (museos, centros de turismo, desenvolvemento do patrimonio, etc.) senón que tamén se profunda no rico legado arqueolóxico de Lucus Augusti, en gran parte aínda descoñecido.