Ir o contido principal
STG

A Facultade de Humanidades de Lugo acolle unha reunión científica sobre cultura e sociedade na África Subsahariana

De esquerda a dereita, Xaquín Rodríguez Campos, Pedro García Herradón, JoDee Anderson McGuire e Hamidou Talibi Moussa, na inauguración da reunión científica sobre a África Subsahariana que se celebra...
De esquerda a dereita, Xaquín Rodríguez Campos, Pedro García Herradón, JoDee Anderson McGuire e Hamidou Talibi Moussa, na inauguración da reunión científica sobre a África Subsahariana que se celebra...
Este encontro serve como seminario preparatorio do programa da AECID sobre dereitos da muller que se desenvolverá en Níxer a partir do mes de novembro

A Facultade de Humanidades de Lugo é a sede da reunión científica sobre cultura e sociedade na África Subsahariana que se celebra en Lugo os días 28 e 29 de maio. Este encontro serve como seminario preparatorio do programa da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) sobre os dereitos da muller que se desenvolverá en Níxer a través da Universidade Abdou Moumouni de Niamei, a principal do país. Nas xornadas participan representantes desta institución educativa, que na xornada do luns 28 falaron, entre outros temas, do desenvolvemento dos dereitos humanos en África, da cultura e a sociedade de Níxer e do sistema educativo deste país africano. A sesión do martes 29 resérvase para a celebración do seminario de preparación do proxecto, que se poñerá en marcha en novembro deste ano e que contempla a creación dun programa académico para a formación dos profesionais que logo se encargarán da implementación do programa a longo prazo. No acto inaugural, presidido polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, e a vicedecana da Facultade de Humanidades, JoDee Anderson McGuire, o portavoz da comitiva nixerina, Hamidou Talibi Moussa, agradeceu o compromiso dos responsables do proxecto “ malia a situación económica que sabemos que se está a vivir en España”, e destacou “a importancia de que vaia haber persoas en Níxer que se formen no ámbito da igualdade e que mesmo teñan logo a posibilidade de vir logo a Galicia para completar a súa formación”. Outros membros da delegación africana insistiron na necesidade de “incorporar estes contidos á formación que reciben todos os docentes do noso país”. “Durante a xornada do día 28 os participantes de Níxer achegarannos a situación do país en diferentes ámbitos: educativo, social, económico, cultural... E o día 29, a partir do falado o día anterior e das novas achegas xurdidas no propio seminario, iremos perfilando as liñas de acción do proxecto”, explica Xaquín Rodríguez Campos, profesor da Facultade de Humanidades e coordinador do programa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.05.2012.