Ir o contido principal
STG

A Facultade de Humanidades de Lugo acolle unha reunión científica sobre cultura e sociedade na África Subsahariana

Este encontro servirá como seminario preparatorio do programa da AECID sobre dereitos da muller que se desenvolverá en Níxer a partir do mes de novembro

A Facultade de Humanidades de Lugo será a sede da reunión científica sobre cultura e sociedade na África Subsahariana que se celebra en Lugo os días 28 e 29 de maio. Este encontro servirá como seminario preparatorio do programa da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) sobre os dereitos da muller que se desenvolverá en Níxer a través da Universidade Abdou Moumouni de Niamei, a principal do país. Nas xornadas participan representantes desta institución educativa, que o luns 28 falarán, entre outros temas, do desenvolvemento dos dereitos humanos en África, da cultura e a sociedade de Níxer e do sistema educativo deste país africano. A sesión do martes 29 resérvase para a celebración do seminario de preparación do proxecto, que se poñerá en marcha en novembro deste ano e que contempla a creación dun programa académico para a formación dos profesionais que logo se encargarán da implementación do programa a longo prazo. “Durante a xornada do luns os participantes de Níxer achegarannos a situación do país en diferentes ámbitos: educativo, social, económico, cultural... E o martes, a partir do falado o día anterior e das novas achegas xurdidas no propio seminario, iremos perfilando as liñas de acción do proxecto”, explica Xaquín Rodríguez Campos, profesor da Facultade de Humanidades e coordinador do programa. O encontro está aberto á asistencia e á participación do público en xeral, e disporá dun servizo de tradución simultánea.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.05.2012.