A Facultade de Humanidades de Lugo organiza un seminario de introdución á arqueoloxía romana
A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo organiza por segundo curso consecutivo o seu Seminario Monográfico de Historia Antiga, que este ano está concibido como un curso de introdución á arqueoloxía romana. As sesións desenvolveranse entre o luns 11 e o venres 15 de xuño no Museo Provincial de Lugo e no museo do castro de Viladonga (Castro de Rei), institucións que colaboran desinteresadamente no desenvolvemento do seminario. Aspectos como os labores previos na investigación arqueolóxica, o traballo de campo, o traballo de gabinete, o tratamento documental do material arqueolóxico e a investigación histórica estruturan un programa que se completa con talleres prácticos de restauración e conservación de material arqueolóxico. O obxectivo é que os participantes reciban unha base sobre a que continuar a súa especialización de cara a ámbitos laborais como a xestión de museos, conservación e desenvolvemento do patrimonio ou atención en centros de turismo. “O curso pretende ofrecer unha formación complementaria á das materias da Área de Historia Antiga da Facultade de Humanidades, xa que a complexidade do programa non permite afondar nalgúns coñecementos básicos nestas materias, sobre todo desde unha perspectiva práctica, que é a que se ofrece neste curso. Pretendemos que os alumnos manexen material arqueolóxico auténtico, o clasifiquen, o documenten e o valoren historicamente”, explica Dolores Dopico, profesora da Facultade de Humanidades de Lugo e coordinadora do seminario. Ademais dos alumnos da Facultade de Humanidades, no curso están inscritos estudantes doutras titulacións dos Campus de Santiago e Lugo, como Historia ou formación do Profesorado, ata cubrir as 30 prazas dispoñibles. Segundo Dolores Dopico, “para nós é unha mágoa que quede fóra do curso xente interesada en realizalo, pero o seu carácter eminentemente práctico non nos permite manexar un grupo máis numeroso, pois iría en detrimento da calidade da formación”.