Ir o contido principal
STG

A Facultade de Humanidades de Lugo presenta un novo número da revista de lingüística Moenia

De esquerda a dereita, Mª Isabel González, Alexandre Veiga, Pedro García Herradón, Juan Blanco Valdés e Claudio Rodríguez Fer, durante o acto de presentación da revista
De esquerda a dereita, Mª Isabel González, Alexandre Veiga, Pedro García Herradón, Juan Blanco Valdés e Claudio Rodríguez Fer, durante o acto de presentación da revista
A publicación comezou a súa andaina en 1995 e os seus responsables traballan xa na preparación do próximo volume, centrado na literatura

A revista Moenia, elaborada desde o Departamento de Lingua e Literatura Españolas da Facultade de Humanidades de Lugo, presentou o seu número correspondente ao ano 2011, especializado nesta ocasión no ámbito da lingüística, tanto xeral como hispánica ou clásica. No acto de presentación participaron o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; a decana da Facultade de Humanidades, Mª Isabel González Rey; o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés; e os dous directores da publicación, Alexandre Veiga Rodríguez e Claudio Rodríguez Fer. García Herradón destacou o prestixio acadado pola revista nestas case dúas décadas de percorrido, “un prestixio que parte da relevancia dos autores dos seus artigos, pero tamén que a revista lles outorga aos que ven os seus traballos publicados nela”. Pola súa parte, Mª Isabel González resaltou “o orgullo que para a Facultade de Humanidades supón acoller esta publicación, mostra do dinamismo e da gana de facer cousas dos departamentos que a compoñen”. Juan Blanco, do Servizo de Publicacións, incidiu na importancia que ten para a institución universitaria “o gran volume de intercambio de publicacións que se consegue grazas á existencia de Moenia”. Segundo os datos dos que dispón o Servizo, a USC recibe gratuitamente máis de 120 revistas de investigación mediante o intercambio desta publicación con institucións académicas de todo o mundo. Difusión internacional Os directores deste proxecto editorial fixeron fincapé na “dimensión universal” de Moenia, tanto pola súa distribución como pola procedencia dos artigos que a compoñen. Neste novo número, o 17 da publicación, ademais da colaboración de expertos galegos e do resto de España, a revista inclúe traballos chegados de Holanda, Finlandia, República Checa, Eslovaquia, Xapón e, por primeira vez, Grecia. O volume achega dezaseis artigos, nos que se tratan aspectos tan dispares como a capacidade lingüística do home de Neanderthal, a influencia socio-cultural na elección dos nomes de pía ou a relación entre ecoloxía e lingua. Moenia comezou a súa andaina no ano 1995, o que a converte na máis antiga (e tamén na de maior difusión) das publicacións de investigación elaboradas no campus de Lugo. Durante estes dezasete anos, a revista publicou artigos de teóricos da lingüística da relevancia de Noam Chomsky, André Martinet e Eugenio Coseriu. A periodicidade da revista é anual, e nela altérnanse os contidos lingüísticos e os literarios. Os seus responsables están xa a traballar no número 18, que se presentará ao longo deste mesmo ano. Os seus contidos estarán dirixidos ao ámbito literario e nel incluirase un monográfico sobre o escritor Ramón Pérez de Ayala.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.02.2012.