Ir o contido principal
STG

A Facultade de Humanidades organiza un encontro internacional sobre fraseoloxía, didáctica das linguas e tradución

Expertos mundiais sobre este ámbito da lingüística intervirán no coloquio Fraditrad, que se celebra no Campus de Lugo entre os días 29 e 31 de outubro

A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo organiza entre os días 29 e 31 de outubro o Coloquio Internacional Fraditrad (Fraseoloxía, Didáctica das linguas e Tradución). Trátase dun encontro centrado exclusivamente no ámbito da fraseoloxía, desde diferentes perspectivas: fraseoloxía teórica (elementos descritivos, definitorios e clasificatorios), fraseoloxía aplicada (fraseografía, fraseodidáctica, tradución...) e gramática das construcións. Ademais da USC (representada por Mª Isabel González Rey, decana da Facultade de Humanidades, e María Montes López, profesora de Italiano na Facultade de Filoloxía de Santiago), no comité organizador tamén participan a Universidad Complutense de Madrid, a Universitat d’Alacant e a Universidad de Murcia. O programa inclúe dezaseis conferencias a cargo de expertos internacionais desta área da lingüística, procedentes das universidades organizadoras e doutras de diferentes países europeos: Universidade de Augsburgo (Alemaña), Universidade de Budapest (Hungría),Universidades de Grenoble e Caen (Francia), Universidade Nacional e Kapodistríaca de Atenas (Grecia) e Universidade de Pádova (Italia). Así mesmo, outras corenta comunicacións completan a oferta do encontro, coa participación de relatores galegos, do resto de España e de Francia, Romanía, Serbia, Italia ou Alemaña. Outras linguas como o ruso, o bielorruso, o portugués e mesmo o latín terán tamén presenza no encontro. Os interesados en realizar a súa inscrición neste coloquio internacional poden solicitar máis información no correo vaneferpa_5 [at] hotmail.com (vaneferpa_5[at]hotmail[dot]com).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.09.2012.