Ir o contido principal
STG

A Facultade de Humanidades presenta unha mostra sobre os labores de investigación e a posta en valor dos castros lucenses

Imaxe aérea do castro de Viladonga  (Castro de Rei - Lugo), un dos que compoñen a exposición 'Castros lucenses: investigación e posta en valor' que se poderá visitar na Facultade de Humanidades de...
Imaxe aérea do castro de Viladonga (Castro de Rei - Lugo), un dos que compoñen a exposición 'Castros lucenses: investigación e posta en valor' que se poderá visitar na Facultade de Humanidades de...
A exposición permanecerá aberta entre o 2 e o 20 de maio nas instalacións do centro no Campus de Lugo

A Facultade de Humanidades da USC inaugura o mércores 2 de maio unha exposición sobre os traballos e investigacións desenvolvidos na última década nos xacementos castrexos da provincia de Lugo. Baixo o título ‘Castros lucenses: investigación e posta en valor’, a mostra poderá visitarse ata o 20 de maio nas instalacións do centro, no Campus de Lugo. Esta iniciativa enmárcase dentro das actividades de investigación e difusión do patrimonio arqueolóxico que leva a cabo o Museo do Castro de Viladonga, realizadas baixo a coordinador do seu director, Felipe Arias Vilas. A través da selección de doce castros distribuídos pola provincia de Lugo, preténdense dar a coñecer algunhas das actuacións que se realizaron neles nos últimos anos, e que van desde as máis simples de limpeza e conservación ata outras de maior dimensión e relevancia, como as de escavación e investigación. “Esta posta en valor permite a difusión a toda a sociedade dun notable patrimonio cultural que aínda se está a investigar”, explica Dolores Dopico, profesora da Facultade de Humanidades e coordinadora da exposición. Os xacementos que conforman a mostra corresponden a distintos tipos de castros, tanto pola variedade das localizacións (desde a costa á montaña, pasando polas chairas e vales do interior) como polo amplo abano de cronoloxías que abranguen, xa que na exposición están representados tanto os xacementos da época prerromana coma os pertencentes ao período galaico-romano. Ademais de sobre o castro de Viladonga, os paneis que conforman a mostra ofrecen información escrita gráfica dos castros costeiros da Punta da Atalaia (Cervo), de Fazouro (Foz) ou das Grobas (Ribadeo); dos castros singulares de Zoñán (Mondoñedo), escavado en parte, e de Saa (A Pastoriza); de asentamentos da Ulloa e do Miño como o da Ourela (Antas de Ulla) e o monumental de Castromaior (Portomarín), así como unha moi boa representación dos xacementos de montaña ou “mineiros” como Vilar ou Torre do Castro de Sobredo (O Courel), Moreira (A Fonsagrada), Sta. María de Cervantes e o de Formigueiros (Samos).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.04.2012.