Ir o contido principal
STG

A Facultade de Humanidades presenta a súa oferta académica no Culturgal 2014, unha cita que arranca este venres en Pontevedra

A Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC presentará a súa renovada oferta de títulos académicos no marco da próxima edición do Culturgal, unha cita que se desenvolverá do 5 ao 8 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde permanecerá instalado desde este venres un posto información e de promoción do centro universitario lugués.

A decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, o profesor do Departamento de Historia I da USC e o PAS do centro universitario lugués Marcos Franco, integrarán a delegación da Facultade de Humanidades encargada da promoción da oferta académica do centro universitario no Culturgal, un espazo no que pretenden dar a coñecer a súa oferta renovada de títulos de grao e posgrao, composta polo Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural (nas súas modalidades presencial en aula e semi-presencial en liña) e o Máster en Servizos Culturais. Esta oferta formativa destaca, segundo indica o profesor Fernández Suárez, pola súa singularidade no marco das titulacións do Sistema Universitario de Galicia e pola súa clara orientación profesional no campo da produción, xestión e difusión cultural. A presenza da Facultade de Humanidades en Culturgal 2014, espazo privilexiado de diálogo das diversas manifestacións da cultura galega, vaille permitir tamén ao centro universitario lugués aportar a súa experiencia e enriquecela no contacto con outros axentes culturais de fóra do mundo académico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2014.