A Facultade de Matemáticas acolle a finais de abril unha nova edición do Foro de Emprego para Matemáticos, Físicos e Informáticos
A Facultade de Matemáticas celebrará entre os días 23 e 26 de abril a sexta edición do Foro de Emprego para Matemáticos, Físicos e Informáticos que terá lugar os días 23, 24, 25 e 26 de abril organizado polo Decanato coa intención de informar aos novos titulados e alumnos dos últimos cursos das posibilidades laborais que neste momento se lles ofrecen. Aos estudantes que asistan concederáselles 1 crédito de libre configuración, rematando o prazo de inscrición o día 19 ás 14 horas.
No Foro participarán empresas que teñen incorporado ou pretenden incorporar persoal cun perfil que os matemáticos, físicos ou informáticos poden satisfacer ademais de organismos públicos de promoción de emprego, autoemprego e integración de mozos na vida profesional. Todas elas exporanlle aos asistentes as súas actividades, servizos, estrutura e tipo de tarefas ás que se dedican os traballadores así como o perfil formativo que mais lle interesa á empresa. Ademais, recollerán os currículos dos asistentes e algunha aproveitará a oportunidade para realizar probas de selección e entrevistas aos alumnos ou titulados interesados. O foro complementarase con talleres sobre elaboración de currículos, preparación de entrevistas de traballo e unha sesión informativa sobre os estudos de posgrao (máster e doutoramento).
A lista habitual de empresas e organismos participantes complétase nesta edición 2007 con incorporacións de enorme atractivo, figurando Blu:Sens Technology, R, Softtek, Altia Consultores, Area de Orientación Laboral da USC - SAEE (Servizos de Asesoramento ao Autoemprego e ao Emprego), BIC Galicia, BREN, Caixa Galicia, CINFO, COREMAIN, CORITEL, Delegación Provincial de Traballo, Dirección Xeral de Promoción de Emprego, EURES-Euroconsejero A Coruña, Everis, IGE, INDRA-Sistemas e Uniemprende.