Ir o contido principal
STG

A Facultade de Psicoloxía repite os excelentes resultados nas probas de acceso ao PIR

A Facultade de Psicoloxía repite os excelentes resultados nas probas de acceso ao PIR
A Facultade de Psicoloxía repite os excelentes resultados nas probas de acceso ao PIR

Un ano máis, os egresados e egresadas da Facultade de Psicoloxía da USC acadaron excelentes resultados no proceso de acceso ao sistema de formación de psicólogos interinos residentes da convocatoria de 2015. Dous dos 16 aspirantes con praza adxudicada, que estes días se están incorporando aos seus postos, situáronse nos dez primeiros lugares da proba selectiva. Na área de formación sanitaria especializada máis competitiva en canto ao acceso –só o 4% dos aspirantes conseguen acceder-, os da USC lograron situarse un ano máis á cabeza. Dos 162 da facultade compostelá presentados acadaron praza un total de 16, o que supón unha taxa de éxito do 10%, moi por riba do 4% de media. Estes datos fanse máis significativos se se ten en conta que o conxunto das persoas da USC presentadas facían o 5% do total, pero obtiveron o 13% das prazas dispoñibles (127). Para a decana do centro, Socorro Rodríguez Holguín, “estas ratios, que se veñen mantendo en niveis similares desde a posta en marcha destas probas, representan un importante indicio da calidade formativa da Universidade compostelá e, sobre todo, do excelente rendemento dos seus titulados e tituladas”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.06.2015.