Ir o contido principal
STG

A Facultade de Veterinaria acolle un curso sobre hidratación, nutrición e saúde

CURSOS DE VERÁN DA USC 2007

A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo acolle, do 16 ao 20 de xullo, unhas xornadas nas que se analizará a relación entre a hidratación, a nutrición e a saúde. Declarado de interese sanitario pola Xunta de Galicia, o curso conta con relatorios de especialistas de hospitais, balnearios e universidades sobre o valor nutritivo da auga e outras bebidas hidratantes ou os requirimentos hídricos nas diferentes idades e situacións. No programa inclúense visitas ás Termas Romanas da cidade de Lugo, ao Balneario de Guitiriz e á fábrica de augas de Cabreiroá.
O primeiro día analizarase a fisioloxía da auga e a súa clasificación con relatorios impartidos pola doutora do Hospital La Paz de Madrid, Carmen Gómez Candela, e polo profesor da Universidade Complutense de Madrid Mariano Maraver, respectivamente. Pola súa banda a integrante da Sociedade Española de Dietética Paloma Tejero disertará sobre a auga e a balneoterapia. Na quenda de tarde os asistentes participarán nun taller sobre os métodos para avaliar a hidratación impartido polo profesor da Universidade Complutense de Madrid Luis García Diz.
O martes 17 comezará a xornada co relatorio do profesor da Sociedade Española de Dietética Carlos de Arpe titulado ‘Outras bebidas hidratantes: características principais, valor nutritivo e consideracións legais sobre o seu consumo. Zumes, refrescos e outras bebidas’. Seguiralle a profesora da Universidade de Valencia Victoria Valls para falar sobre a cervexa sen alcohol e augas minero-medicinais e os seus efectos antioxidantes. Os relatorios continurán co estudo dos requirimentos hídricos nas diferentes idades e en situacións especiais, como son o caso dos deportistas, na idade infantil ou xuvenil ou no embarazo.
Este mesmo tema será ampliado na xornada do mércores 18 co tratamento dos requirimentos hídricos dos anciáns e a prevención da osteoporose na muller. A continuación, o profesor da Universidade Complutense de Madrid Jesús Román Martínez realizará unha análise do consumo de bebidas en España. O tempo da tarde empregarase neste caso nunha visita ao Balneario de Lugo e ás Termas Romanas.
O xoves continúan as actividades de campo coa visita durante todo o día á fábrica de Augas de Cabreiroá que a empresa ten en Verín e o último día do curso queda reservado para outra visita ao Hesperia Balneario de Guitiriz.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.06.2007.