Ir o contido principal
STG

A Facultade de Xeografía e Historia colabora co CGAC na organización dun seminario sobre a crítica de arte na era dixital

O encontro comeza este mércores 9 coa sesión 'Presentes electrónicos, arquivos futuros'

Destinado a analizar o desenvolvemento da crítica de arte na era dixital, o Centro Galego de Arte Contemporánea organiza en colaboración coa Facultade de Xeografía e Historia da USC o seminario ‘Artes de mediación. Roles da crítica de arte na era dixital’ que se celebrará no propio museo os días 9 e 10 de maio. O encontro ten como obxectivos principais profundar na situación da crítica nesta era dixital, as consecuencias de utilizar determinados criterios ou canles, a falta de compromiso e a actitude conformista ante a produción cultural e o feito artístico.
A primeira das sesións, titulada ‘Presentes electrónicos, arquivos futuros’ dará comezo o mércores, día 9, ás 11:00 horas coa conferencia ‘Responsabilidade expandida. Crítica demótica, arte dialóxico’ que pronunciará o profesor de Arte Contemporánea na Universitat Pompeu Fabra, Carles Guerra.
Xa pola tarde, a xornada continuará ás 16:00 horas cunha charla sobre as claves, canles e outros elementos para a mediación entre o emisor e receptor que ofrecerá o antropólogo e artista sonoro Chiu Longina. Deseguido, ás 18:00 horas, o profesor de teoría e arte contemporánea da Universidade Autónoma de Madrid, Jesús Carrillo, explicará os lugares do común da definición dos novos espazos de arte. Pola súa banda, a historiadora e crítica de arte Beatriz Herráez falará unha hora despois sobre os escritos creados polos propios artistas. Como peche da sesión, o CGAC acollerá unha mesa redonda na que participarán Carles Guerra, Chiu Longina, Jesús Carrillo e Beatriz Herráez.
A segunda xornada do seminario centrarase na análise dos hipertextos narrativos, as malas críticas, o capitalismo cultural electrónico ou a batalla pola publicidade, entre outras cuestións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.05.2007.