Ir o contido principal
STG

As Facultades de Ciencias reivindican o seu papel estratéxico no desenvolvemento social

As decanas e decanos, co vicerreitor do Campus de Lugo e o presidente da RAGC, antes de comezar o acto. Foto: Santi Alvite
As decanas e decanos, co vicerreitor do Campus de Lugo e o presidente da RAGC, antes de comezar o acto. Foto: Santi Alvite
Na cerimonia entregáronse os premios da décimo segunda edición do concurso fotográfico ‘A Ciencia en Imaxe’
Lugo, Santiago de Compostela

As Facultades de Ciencias da Universidade de Santiago -Matemáticas, Bioloxía, Física, Ciencias e Química- celebraron este venres a festividade do seu patrón, Santo Alberte Magno, nun acto que presidiu o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, na Facultade de Bioloxía, centro encargado este ano da organización.

Foi o seu decano, Jesús López Romalde, quen interveu na cerimonia en representación dos cinco centros “convencido do rol estratéxico que as nosas facultades desempeñan nunha sociedade na que o coñecemento científico sustenta o funcionamento diario e o avance en tecnoloxía, sanidade e benestar”.

Os cinco centros reúnen hoxe arredor de 3.500 estudantes de grao e mestrado, aproximadamente un 15% do estudantado total da USC. Imparten 7 graos, 4 dobres graos e 18 mestrados -once deles en colaboración con outras universidades- e son quen nutren o 46% dos artigos en revistas JCR e o 20% das teses defendidas cada ano. Ademais, segundo o ranking Stanford de persoal investigador máis citado do mundo, dos 59 nomes da USC incluídos, o 36% —cinco entre os dez primeiros— pertencen a estas cinco facultades.

“A ciencia -dixo o decano de Bioloxía- ten sentido cando serve ás persoas, cando contribúe á construción dunha sociedade máis xusta e desenvolvida. Por iso é tan importante a transferencia de coñecemento”. Porque, sentenciou, “a ciencia que se comparte é a que realmente transforma”.

Romalde exhortou aos decanos e decanos alí presentes a “abrir portas, construír espazos de divulgación e participación e facer da ciencia un valor cotián para a cidadanía e un referente para as novas xeracións”. Porque, afirmou, “cando unha sociedade valora a ciencia, é moito máis difícil que se recorte nela. Por iso, crear cultura científica é tamén un acto de defensa da educación e da investigación pública”.

A defensa da Universidade pública e do seu papel relevante como motor social e de cambio foi o eixo sobre o que pivotou o discurso do decano de Bioloxía: “É a que garante a igualdade de oportunidades, a que democratizan o acceso ao coñecemento e a que sostén a investigación no noso país. Sen ela, a ciencia, a cultura e o progreso serían privilexios, non dereitos”, sentenciou.

Entrega de premios
Amenizada coa música de Denís Iglesias Montes, as profesoras Sabela Balboa Méndez e Patricia Sanmartín Sánchez pronunciaron ademais na cerimonia a conferencia ‘Ciencia viva na Cidade de pedra’ e tamén interveu Carolina Balado Puentes en nome do estudantado.

No acto tivo lugar tamén a entrega de premios da décimo segunda edición do concurso fotográfico ‘A Ciencia en Imaxe’, organizado polas cinco facultades e a Real Academia Galega de Ciencias. Este ano, a gañadora do primeiro premio, dotado con 200 euros, foi para M. Carmen Yebra Biurrun e o segundo, de 100 euros, para Pablo Falgueras Casarejos.

O xurado do certame, con temática aberta a calquera contido relacionado coas Ciencias, estivo formado por Manuel Freire Rama, da RAGC; Raúl de la Fuente Carballo, da Facultade de Física; Luis Alberto García Suárez, de Química; Enrique Manuel Cabaleiro Lago, de Ciencias; Antonio García Rodicio, de Matemáticas; e Otilia Reyes Ferreira, de Bioloxía.

Ademais, fíxose entrega dos premios do concurso de artigos en galego para a segunda edición do boletín Xermolos de Ciencia. O primeiro premio na sección Novidades e Actividades recaeu en Carme Pacín polo traballo ‘Un estudo aborda os potenciais elementos tóxicos das algas pardas na costa galega ao longo de tres décadas’ e o segundo a Roberto Mourente por ‘Comportamento xerminativo postincendio de especies de matogueira’.

Na sección Ciencia en Galego, o primeiro premio foi para María Bouso polo traballo ‘Determinación de contaminantes ambientais en plumas e egagrópilas de cegoña branca’ e o segundo para Ainhoa Buján por ‘A chuvia ácida no sistema bioxeoquímico’, que tamén gañou o concurso na sección Lingua e Cultura por ‘Unha lingua de coñecemento e futuro’.

Xa na sección Divulgar é Natural o primeiro premio foi para Yago Rodríguez polo traballo ‘Mosquitos: ameaza ou chibo expiatorio? Trabas do enfoque convencional e alternativas prometedoras’ e o segundo para  Iria Rodríguez por ‘Sabías que... aos elefantes apenas lles afecta o cancro?’.
 

Fotografía gañadora do XII concurso 'Ciencia en Imaxe', de M. Carmen Yebra Biurrun
Fotografía gañadora do XII concurso 'Ciencia en Imaxe', de M. Carmen Yebra Biurrun
Fotografía que gañou o segundo premio XII do concurso 'Ciencia en Imaxe', de Pablo Falgueras Casarejos
Fotografía que gañou o segundo premio XII do concurso 'Ciencia en Imaxe', de Pablo Falgueras Casarejos
Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.11.2025.