Farmacia clausurou este mércores os actos conmemorativos do 150 aniversario da súa creación cunha conferencia de Manuel Patarroyo

A clausura oficial dos actos conmemorativos do 150 aniversario da Facultade de Farmacia tivo este mércores como protagonista ao investigador Manuel E. Patarroyo que ofreceu a conferencia titulada ‘Desenvolvemento de novas vacinas sintéticas’. A sesión celebrouse na Aula Magna do centro compostelán.
Patarroyo é o autor da primeira vacina sintética creada no mundo para a prevención da malaria e recoñecida pola Organización Mundial da Saúde (OMS), organismo ao que cedeu a patente. A vacina probouse con éxito en máis de 40.000 persoas en áreas que sofren esta enfermidade como epidemia (Colombia, Venezuela, Ecuador, Brasil e, máis recentemente, en diversos países africanos).
Festividade da Inmaculada ConcepciónCon anterioridade a este acto, a Facultade de Farmacia celebrou a festividade da súa patroa a Inmacula Concepción, nunha sesión presidida pola vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso.
O programa da xornada comezará cunha misa na Capela do Campus, para deseguido proceder á celebración dun acto académico no Salón de Graos do centro. Nel, entregáronse as medallas de prata do centro a aqueles profesores que este curso cumpriron 25 anos de docencia na Facultade e entre os que se atopan Mª Teresa Barral Silva, José Blanco Méndez, José L. Gómez Amoza, Manuel Lamela González, Ángeles Muños Crego, Teresa Santamarina Fernández e Arturo Suárez Varela.
O acto proseguiu coa entrega de diplomas aos doutores do curso 2006-2007 María Alonso Sande, Felipe Álvarez Manceñido, María de la Fuente Freire, Grace Ivonne Tier, Ana Moutinho Grenha, Francisco J. Prado Prado, Ana I. Rodríguez Pérez, Mª Carmen Rodríguez-Tenreiro Sánchez.
Logo do acto de entrega dos Premios Extraordinarios de Doutoramento correspondentes ao curso 2006-2007 a Santiago Víctor Varela e Hipólito Gómez Couso, interveu o decano da Facultade José Miñones Trillo que deu paso a unha homenaxe á profesora Vila Jato con motivo da súa xubilación.