A fase autonómica da XLIX Olimpíada Matemática Española será este sábado no Campus de Santiago
A Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago acolle este sábado 12 a fase autonómica da XLIX Olimpíada Matemática Española, unha competición destinada a alumnado de bacharelato da que sairán as tres persoas que formarán o equipo olímpico que represente a Galicia na fase nacional, a celebrar do 3 ao 6 de abril en Bilbao. As probas deste sábado da Olimpíada Matemática Galega 2013 comezarán ás 10.00 horas coa recepción por parte da decana da Facultade, Victoria Otero. Seguidamente darase inicio á primeira sesión da competición: tres horas e media para resolveren tres problemas. Idéntico desenvolvemento terá a xornada da tarde que comeza ás 16.00 horas. Para esta edición a Olimpíada Matemática Galega conta co patrocinio de EDISA Centro de Innovación cuxo presidente, Alfonso Amorín, foi profesor do Departamento de Álxebra da Facultade de Matemáticas, coa que continúa colaborando. Con este certame, que convoca anualmente a Real Sociedade Matemática Española, preténdese estimular o estudo das matemáticas descubríndoas fóra dos ríxidos temarios curriculares e dos chamados exercicios tipo, ou sexa, desenvolver o gusto pola resolución de problemas. Os problemas das diferentes fases non requiren uns coñecementos especiais de matemáticas, senón que buscan a capacidade de raciocinio e a orixinalidade do pensamento.