Ir o contido principal
STG

FEGAMP e USC abordan nun novo informe a necesidade de importantes cambios no financiamento local estatal como autonómico

De esquerda a dereita, Antonio López, Alberto Varela e Santiago Lago. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Antonio López, Alberto Varela e Santiago Lago. Foto: Santi Alvite
Dirixido polos profesores da USC Xoaquín Fernández Leiceaga e Santiago Lago Peñas e o da Universidade de Oviedo Javier Suarez Pandiello
Santiago de Compostela

Os profesores da USC Xoaquín Fernández Leiceaga e Santiago Lago Peñas e o da Universidade de Oviedo Javier Suarez Pandiello son os autores do informe ‘A reforma necesaria do financiamento local’ que este mércores se presentou na sede da Fegamp, entidade que lles encargou o traballo. No informe, elaborado por un equipo de especialistas de diversas universidades con experiencias en diversos planos da xestión local, xustifícase a necesidade de reformar o modelo de financiamento das entidades locais en España en que pasaron xa máis de vinte anos desde a súa definición, tempo no que os concellos se transformaron moito.

Na presentación participaron, ademais dos autores da USC do estudo, o reitor Antonio López e o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, así como parte da dirección da federación e algunha das expertas que colaborou tamén no traballo.

Nun encontro cos medios, o reitor da USC amosou a súa satisfacción e agradecemento por poder “dar resposta aos requirimentos do sector local do coñecemento universitario na defensa dos seus intereses e na súa demanda de reforzar e poñer ao día o sistema de financiamento das administracións locais”. López destacou o labor de Xoaquín Fernandez Leiceaga e de Santiago Lago, e de todas as persoas expertas da USC, da Universidade de Vigo e da Universidad de Oviedo, especialistas en financiamento local, que teñen participado no informe, “un traballo absolutamente rigoroso no análise da situación e nas propostas de cara o futuro, pensando en Galicia pero con proxección máis alá”.

Pola súa banda, o presidente da FEGAMP manifestou que o informe “vai ser de moita axuda na defensa dos intereses dos concellos galegos, xa que pon de manifesto a necesidade de reformar un sistema de financiamento na participación nos ingresos do Estado que leva máis de 20 anos, con desequilibrios que é necesario corrixir”. Para Alberto Varela, “os concellos de agora non temos absolutamente nada que ver cos concellos de hai 20 anos, hai problemas diferentes e hai competencias diferentes, sendo necesario establecer uns novos criterios e unha contía global na participación nos ingresos do Estado”. “É necesario -proseguiu- que os concellos reciban máis fondos, tal e como establece a Constitución, para que poidamos desempeñar as competencias que os concellos estamos desenvolvendo”, e detívose en destacar que “o informe tamén fala de gobernanza, da necesidade de que os concellos sexamos partícipes na toma de decisión do que nos vaia tocar a xestionar”.

Na presentación, o coordinador do informe, o catedrático Santiago Lago, explicou que o documento pon o acento no sistema de transferencias e sostivo que hai que redefinir as pautas de redistribución. "Igual que cando falamos de financiamento autonómico hai moita nivelación, é dicir, a Xunta ten máis recursos por habitante que a Generalitat de Cataluña, no caso dos concellos non é así, tendo en conta que un consistorio catalán ten máis recursos por habitante que un concello galego da media". Lago fixo así fincapé na necesidade de que os municipios galegos reciban máis recursos por habitante do fondo estatal que os que reciben concellos de comunidades con máis recursos.

Instrumentos de transferencias

No primeiro capitulo do informe, Xoaquín Fernandez Leiceaga, Javier Suárez Pandiello e Santiago Lago fan unha avaliación dos dous principais instrumentos de transferencias incondicionadas ás entidades locais, procedentes dos tributos do Estado (PE) e das Comunidades Autónomas (Picas). Realizan unha avaliación crítica do modelo dual establecido para regular a PE, que consolida as inequidades previas e as agravan, e avanzan a posibilidade de seguir a Comisión de Expertos no deseño dun novo modelo de repartición, no que se axusten os criterios de necesidade, diferenciando entre municipios ‘grandes’ e ‘pequenos’, en virtude dos seus diferentes graos de responsabilidades (competencias). Pola súa banda, a análise das Picas sinala con claridade a insuficiencia da súa regulación, en especial en Galicia. As transferencias incondicionadas aos concellos seguen estando por encima da media das CCAA de réxime común, pero na ultima década privilexiáronse as transferencias condicionadas. Analizan tamén a posibilidade de utilizar as Picas para avanzar na nivelación do financiamento municipal. “Unha reformulación dos criterios de distribución, que tivese en conta a brecha existente entre recursos normativos e necesidades obxectivas, permitiría aproximarse intensamente á nivelación integral”, di o informe.

Atención social e estabilidade orzamentaria

No segundo capítulo, Maria Cadaval Sampedro e Carmela Sánchez Carreira abordan o financiamento dos servizos de atención social que a lexislación sectorial autonómica colocou baixo a súa competencia, cunha especial atención ao Servizo de Axuda a Domicilio (SAD). As autoras examinan o papel de Galicia como laboratorio de innovación no ámbito dos coidados e abordan a gobernanza dos servizos sociais, considerando as competencias, marco normativo e financiamento, poñendo o foco na atención á dependencia.

No terceiro capitulo, Concepción Campos Acuña e Roberto Fernandez Llera estudan os retos da estabilidade orzamentaria e a sustentabilidade financeira dos concellos, constatando que as entidades locais en Galicia e en toda España mostraron un desempeño financeiro agregado moi positivo nos últimos anos. Tal e así, que os sucesivos superávits se foron acumulando en voluminosos depósitos bancarios, con reducida rendibilidade financeira e elevado custo de oportunidade. A regra de gasto non permite facer un uso libre de devanditos remanentes, excepción feita dos investimentos financeiramente sostibles e con restricións.

Ciclo da auga e turismo

Nos capítulos cuarto e quinto, Alberto Vaqueiro Garcia e Begoña Villaverde Gomez estudan o financiamento dos servizos do ciclo da auga e da recollida e tratamento dos residuos urbanos. En especial, tratan o deseño das tarifas, unha cuestión de transcendencia practica que se enfronta a problemas importantes pola falta dunha delimitación clara das competencias ou as reducidas actuacións en materia de coordinación entre as diferentes administracións publicas implicadas. O artigo achega posibles solucións financeiras e mecanismos para que os concellos teñan a capacidade de financiar acorde ás súas competencias.

Por último, de novo Xoaquín Fernandez Leiceaga, Javier Suarez Pandiello e Santiago Lago Peñas reflexionan acerca dos efectos do turismo sobre as finanzas locais e sobre a vida dos residentes a trivés das externalidades que provoca. Para Lago, este asunto leva "un problema de fondo, que non repercute nas arcas locais" porque non hai figuras no sistema local que recoñezan o seu efecto máis aló de taxas polas terrazas. Por iso, puxo en valor a taxa turística creada a nivel autonómico. Lago indicou que hai "varios camiños posibles" para avanzar nesa liña, como que a Xunta recade e reparta vía transferencias unha parte do impacto positivo que ten o turismo nas contas autonómicas, que se nota no IPRF e no IVE pero "que non chega ás arcas locais", polo que sería unha solución deseñar “un sistema de transferencias dese imposto xestionado e aplicado no conxunto o país”
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.03.2026.