Ir o contido principal
STG

Fernando Muñoz gobernará Veterinaria “co diálogo, coa transparencia e cunha vocación profundamente colaborativa”

O acto desenvolveuse no Auditorio de Veterinaria
O acto desenvolveuse no Auditorio de Veterinaria
O reitor Antonio López Díaz presidiu o acto de toma de posesión do novo decano, que sucede no cargo ao profesor Gonzalo Fernández
Lugo

“Nesta nova etapa, o meu compromiso é claro: liderar co diálogo, coa transparencia e cunha vocación profundamente colaborativa”. Con esta folla de ruta, o profesor Fernando Muñoz Guzón tomou posesión este xoves 29 do seu cargo como novo decano da Facultade de Veterinaria da USC, nun acto presidido polo reitor Antonio López Díaz e no que tamén interveu o decano saínte, Gonzalo Fernández. “Esta facultade non pode avanzar se non o fai unida”, explicou o profesor Muñoz. “A miña porta estará sempre aberta para escoitar, compartir e construír conxuntamente”, engadiu.

“Un orgullo para a USC”

A Facultade de Veterinaria, dixo Antonio López, “lidera o seu ámbito a nivel estatal e internacional”, feito que “é un orgullo para a USC”. O reitor agradeceu o traballo desenvolvido por Gonzalo Fernández, quen “liderou un equipo que afianzou este centro no liderado” e puxo o foco nos vindeiros anos ao darlle azos ao novo decano para consolidar o logrado ata o de agora e “mirar o futuro con optimismo”. 

“Compromiso co territorio”

O novo decano tamén abriu a súa intervención expresando o seu recoñecemento ao equipo decanal saínte, “e moi especialmente a quen me precedeu no cargo”. Para o profesor Muñoz, a dedicación de Gonzalo Fernández “deixou unha base sólida sobre a que seguir construíndo”. E sobre esa base, continuou o decano, toca agora continuar para que o centro se manteña como “un referente nacional e internacional pola calidade do noso grao, polo noso hospital veterinario universitario, pola nosa investigación e polo noso firme compromiso co territorio”.

A seguir, o profesor Muñoz debullou os principais desafíos cos que se enfrontará ao longo dos vindeiros seis anos. Entre eles, destacan seguir traballando para manter e superar os estándares da European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE), reforzar o Rof Codina como centro de referencia clínica e asistencial, a mellora das infraestruturas de investigación, ou estreitar e fortalecer os lazos cos colexios profesionais e co sector primario galego, entre outros. 

Completan o equipo de goberno Victor Pereira Lestayo, Cynthia Lopez Novo e Cristiana Filipa Cazapal Monteiro, en calidade de vicedecanos, e Natalia Miño Fariña, como secretaria da Facultade. 

Currículo

Fernando Muñoz Guzón doutorouse en 1999 na Universidade Complutense de Madrid coa tese Comparación clínica, radiológica e histológica del uso de implantes dentales con o sin carga en el perro. Estudio experimental. Ten sido profesor asociado de Ciencias da Saúde, investigador do Programa Isidro Parga Pondal da Xunta de Galicia, profesor contratado doutor e actualmente é profesor titular de Universidade. Pertence ao grupo de investigación ‘Cirurxía experimental. Cirurxía, radioloxía e ecografía experimental veterinaria’. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.01.2026.