Filoloxía acolle unha mostra sobre o dereito ao sufraxio das mulleres no Reino Unido

Con motivo da celebración do Día da Muller, e aproveitando que se celebran 100 anos da consecución do voto para as mulleres no Reino Unido, a Facultade de Filoloxía e o grupo de investigación 'Discurso e Identidade' organizan unha exposición conmemorativa con fotografías e fragmentos de textos que reflexionan sobre este proceso no ámbito anglófono, así como sobre o enorme esforzo que esta loita supuxo, as dificultades que estas mulleres atoparon e os mecanismos de resistencia que adoitaron.
A mostra persegue ofrecer unha reflexión sobre a loita polos dereitos das mulleres, afondando no feito de que os logros obtidos foron froito dun esforzo colectivo global liderado por mulleres. A exposición poderase visitar ata o 6 de abril no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía.